O Porto de Ferrol inaugura este venres dúas novas exposicións
A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao inaugurará mañá dúas novas exposicións nas súas instalacións. A mostra fotográfica “Terra dos meus avós” abrirá as súas portas no faro de Cabo Prior ás 12:00 horas e a exposición “Ártabros” presentarase ás 19:00 horas na sala de exposicións do Porto de Ferrol.
“Terra dos meus avós”, exposición fotográfica de Pablo Álvarez Alvariño, é un conxunto de 22 imaxes das paisaxes de Cobas e doutros lugares próximos que forman parte da infancia do artista e evocan á nostalxia. “Faime ilusión poder facer a exposición no faro porque tiven familiares fareiros que traballaron alí”, explica Álvarez Alvariño. Inaugurarase este venres ás 12:00 horas e poderase visitar ata o 16 de agosto, en horario de 19:30 a 21:30 horas.
O artista Cipriano Lourido é o responsable de “Ártabros”, unha exposición que conta coa colaboración doutros nove creadores. Esta mostra recopila unha gran variedade de traballos que van desde a escultura en oso natural, ferro, latón e cobre, ata a pintura e a música. O nome da exposición fai referencia aos celtas ártabros, unha civilización que habitou na zona ata a chegada dos romanos. A mostra abrirá as súas portar mañá ás 19:00 horas na sala de exposición da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, sita no peirao de Curuxeiras. Durante o evento os asistentes poderán gozar dun recital de poesía da man de Jorge Gago. Poderase visitar ata o 14 de agosto, en horario de 12:00 a 13.00 e de 20:00 a 21:30 horas.