A Autoridade Portuaria impulsa un proxecto para a instalación de renovables e a subministración eléctrica ás empresas vinculadas á súa actividade

A iniciativa implica un investimento de polo menos 35 millóns en cinco anos e xa foi preseleccionada pola Xunta para optar ao Fondo de Transición Xusta

Reganosa actuará como xestor do sistema, mentres que o Instituto Tecnolóxico de Galicia realizará tarefas de monitorización e control intelixente

 

Ferrol, 27 de xullo de 2022

A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao lidera un proxecto único para a instalación, combinando diferentes tecnoloxías, de potencia renovable e a subministración da enerxía producida a empresas vinculadas coa actividade nos seus peiraos e a contorna destes. A iniciativa implica un investimento de polo menos 35 millóns de euros en cinco anos e xa foi preseleccionada pola Xunta de Galicia para optar ao Fondo de Transición Xusta. Este plan, xunto con outros que xa se achan en execución ou en tramitación, fan da dársena de Ferrol o faro da enerxía verde do sistema portuario español.

A Autoridade Portuaria promove a creación dun verdadeiro ecosistema enerxético innovador, vector de descarbonización da economía e garantía de subministración a un prezo competitivo. A estimación é que con el crense un mínimo de 120 postos de traballo entre directos e indirectos, a maior parte de forma permanente e de alta cualificación. Na ideación e materialización do proxecto participan, ademais do organismo presidido por Francisco Barea, empresas de recoñecido prestixio no sector enerxético como Reganosa, Enerfin, Galenergy, Quantum, Univergy, EMSC e Elytt, e o Instituto Tecnolóxico de Galicia, que achegará a monitorización e control intelixente da enerxía.

 

Diversas tecnoloxías e aplicación

Enerfin construirá no porto exterior de Ferrol unha planta de xeración con fotovoltaica e, ligada a esta, unha de produción de hidróxeno renovable para consumo industrial.

A partir de renovables, Galenergy promove o levantamento dunha planta de produción de hidróxeno para aplicacións de aceiro verde.

Quantum e Univergy encargaranse da xeración e dispensado de hidróxeno verde para posibles aplicacións en operacións loxísticas do porto, de mobilidade e de cold ironing cero emisións nos peiraos interiores. A instalación contará cun electrolizador alcalino.

EMSC e Elytt planean o deseño dunha instalación de tratamento de auga de mar para subministración a plantas de produción de hidróxeno. Aplicarán unha tecnoloxía disruptiva que non existente no mercado.

Reganosa Servizos, filial do grupo Reganosa Holdco, será o xestor enerxético do proxecto. Realizará a planificación global, utilizando unha ferramenta dixital desenvolta internamente para a simulación e optimización de sistemas enerxéticos, e destinada á mellora da eficiencia de instalacións industriais e redes. Así mesmo, en colaboración coa Autoridade Portuaria, deseñará a infraestrutura eléctrica necesaria para a alimentación e distribución da enerxía para os distintos axentes que se van a implantar ao redor deste hub enerxético. 

Respaldo da Xunta de Galicia

O vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, coñeceu este mediodía de primeira man o proxecto durante unha visita ao porto exterior de Ferrol. Entre outros, acompañouno o presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, Francisco Barea, quen explicou todos os detalles dunha actuación crave na mellora da competitividade da comarca.

«Sempre dixemos que cremos nunha transición enerxética xusta e ordenada, que se produza a un ritmo adecuado no que se poida acompañar de maneira efectiva aos territorios concernidos, pero tamén comentei que estabamos a traballar a fondo para converternos nun faro da enerxía verde», dixo Barea, para logo agregar: «Este ambicioso proxecto é o resultado de todo ese esforzo que levamos a cabo nos últimos meses. É unha iniciativa pioneira, na que imos da man de empresas de primeiro nivel cun forte arraigamento na nosa zona, e que supón un paso decisivo para a descarbonización de toda a nosa actividade e concesións». «Ademais —apostilou— supoñerá unha garantía de subministración a un prezo competitivo para todas estas compañías, algo de vital importancia nun contexto internacional tan inestable como o que nos está tocando vivir».

Á vez que este proxecto, tamén en concesións da Autoridade Portuaria están a tramitarse outras tres grandes iniciativas vinculadas ás enerxías renovables. Forestal do Atlántico aspira a liderar desde Mugardos a produción de metanol verde a nivel internacional a través do proxecto bautizado como Triskelion, que conta cun orzamento de 130 millóns. Uns 25 investirá Nervión Naval-Offshore na construción dunha planta de ensamblaxe de estruturas para a eólica mariña sobre unha parcela de 70.000 metros cadrados do porto exterior. E 11 máis (36 en global) destinarán Windar Renovables e Navantia-Seanergies á súa nova fábrica de monopiles XXL no estaleiro de Fene.

Case 230 millóns agregados

Estes tres proxectos, sumados a todos os agrupados baixo o novo hub enerxético que lidera a Autoridade Portuaria, totalizan un desembolso estimado de case 230 millóns. «Levando adiante o noso propósito de ser o faro da enerxía verde do sistema portuario español non só estamos a favorecer a descarbonización da economía, senón fomentando a captación de investimentos e a creación de emprego estable e de calidade nunha zona realmente necesitada de iso», concluíu
Barea.