O auxe do GNL, o fueloil, o carbón, a madeira e os contedores palía o descenso da actividade rexistrado nos peiraos de San Cibrao

A Autoridade Portuaria contabiliza case dous millóns e medio de toneladas de mercadorías de xaneiro a marzo de 2023

A terminal de Yilport moveu no últimos tres meses máis carga que en todo o 2020 ao crecer a estiba e desestiba un 210 %

Ferrol, 18 de abril de 2023

O crecemento do porto de Ferrol consolídase no primeiro trimestre do ano ao duplicar os seus tráficos. Entre o 1 de xaneiro e o 31 de marzo de 2023, as empresas que operan nas dársenas ferrolás moveron case 2 millóns de toneladas (1.992.685), o que supón un 98 % máis que no mesmo período de 2022. O crecemento esténdese tanto aos graneis sólidos (+198 %) como aos líquidos (+67,4 %) e á mercadoría xeral (+162,9 %).

Entre as mercadorías que se moven nos peiraos de Ferrol, o GNL aumentou 263.586 toneladas (+78,52 %), chegando ás 599.295 fronte ás 335.709 do mesmo período de 2022. O fueloil creceu 238.036 toneladas (+91,64 %), o carbón e a madeira subiron 223.418 (+270,81 %) e 95.314 (+210 %) toneladas respectivamente. Especial mención merece a terminal de contedores que continúa nunha progresión ascendente. No primeiro trimestre de 2023 triplicáronse os TEU movidos no porto exterior: 11.946 TEU fronte aos 3.852 do mesmo período do ano pasado, o que implica un aumento do 210 %. Se o medimos en toneladas o incremento é do 235 %, xa que se contabilizaron 137.985 fronte ás 41.203 do 2022 constituíndo o incremento máis destacado en termos porcentuais. É dicir, de xaneiro a marzo, a terminal de Yilport moveu máis tonelaxe que en todo o 2020.

Este crecemento conseguiu amortecer a caída da actividade en San Cibrao, debido á situación de Alcoa, a única concesionaria do porto na Mariña. Nos seus peiraos movéronse no primeiro trimestre 463.757 toneladas, un descenso do 71 % no que levamos de ano. Unha situación que o organismo que preside Francisco Barea afrontou coa súa aposta pola diversificación dos tráficos, especialmente a través dos movementos na terminal de Yilport no porto exterior.

Isto leva a que, á espera de que os datos se consoliden, as empresas que operan nos peiraos da Autoridade Portuaria no seu conxunto moveron nos tres primeiros meses do ano 2.456.442 toneladas, 153.520 menos que no mesmo período do 2022, o que se traduce nun descenso do 5,8 %. A nivel global, o tránsito de graneis líquidos alcanzou 1,2 millóns de toneladas, o de mercadoría xeral 332.490 e o de graneis sólidos 876.145. Os dous primeiros subiron un 55 % e un 153,1 % respectivamente con respecto aos tres primeiros meses de 2022, mentres que os sólidos descenderon un 47,6 %.

O GNL e o fueloil superan á bauxita

A situación de San Cibrao e o auxe doutros tráficos supuxo un cambio na clasificación de mercadorías do primeiro trimestre. O primeiro lugar ocúpao agora o GNL con case 600.000 toneladas, seguido do fueloil con 498.000. A bauxita pasa a situarse como o terceiro tráfico con 317.278 toneladas, seguida do carbón (306.000 toneladas) e a madeira (140.000 toneladas).

O presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, Francisco Barea, apela de novo á prudencia e móstrase optimista ante un cambio de tendencia no futuro. “Os datos demostran que o traballo realizado ao longo de todos estes meses está a dar resultado. Sabiamos que nos moviamos nun contexto difícil condicionado pola transición enerxética e sabiamos tamén que a situación que atravesa Alcoa, e que evidentemente nos preocupa, afectaría o organismo portuario. Por iso decidimos adiantarnos e tomar medidas apostando polas novas enerxías e, especialmente, pola diversificación dos tráficos. Isto é o que nos permitiu crecer no 2022 e resistir agora a caída do movemento que se está experimentando en San Cibrao”, destaca Barea.

O presidente do organismo portuario tamén resaltou que “o incremento que está a experimentar o porto de Ferrol cremos que non ten marcha atrás e que se manterá, especialmente polo desenvolvemento de Yilport e a chegada de novas industrias ao porto exterior. Iso contribuirá a facer fronte á situación de incerteza que o novo escenario enerxético e a situación económica expoñen, non só en Ferrol e San Cibrao. O futuro do porto é, en boa medida, a terminal de contedores, que nos abriu novas conexións con todo o mundo”. Francisco Barea tamén quixo reiterar a súa “aposta pola Mariña” e o desexo de que “a situación de Alcoa poida mellorar no medio prazo”.