O PORTO DE FERROL CELEBRA O TRADICIONAL CRISTO DOS NAVEGANTES, PATRÓN DA POLICÍA PORTUARIA
Un oficio relixioso e unha recepción centran a xornada coa que se pretende destacar o importante papel deste corpo de seguridade
O evento será o primeiro dos actos que terán lugar na remodelada sala de exposicións que volve abrir como espazo de usos múltiples e pasará a denominarse Sala Curuxeiras
Ferrol, 5 de maio de 2023
A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao celebra hoxe, venres 5 de maio, o Cristo dos Navegantes. Unha tradición que recuperou en 2022, tras oito anos sen celebrarse, e que se repite con vocación de dar continuidade á conmemoración do patrón da Policía Portuaria. Deste xeito afiánzase unha celebración que conta con gran arraigamento tanto entre a comunidade portuaria como na cidade, xa que a imaxe do Cristo é unha das máis representativas de Ferrol. Trátase de facer partícipe á comunidade ferrolá das tradicións portuarias reforzando a vinculación entre o porto e a cidade. Ademais, a conmemoración será o primeiro dos actos na sala de exposicións de Curuxeiras tras as obras de remodelación que se realizaron neste espazo nos últimos meses.
A xornada contará cunha ampla representación institucional, militar, empresarial e social, así como da comunidade portuaria. Os actos comezan ás 12:00 horas cun oficio relixioso, na igrexa da Nosa Señora do Socorro, oficiado polo bispo da diocese Mondoñedo-Ferrol, monseñor García Cadiñanos. A continuación, os asistentes trasladaranse a Curuxeiras onde terá lugar unha recepción por parte do presidente da APFSC, Francisco Barea.
Coa recuperación desta celebración tamén pretende dar visibilidade e facer un recoñecemento ao importante labor que realiza a Policía Portuaria. Trátase dun corpo de policía especial, dependente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao que ademais de manter a seguridade no ámbito xeográfico da APFSC, ten encomendadas funcións de vixilancia, control de acceso, medio ambiente e policía administrativa e marítima, entre outras.
Nova Sala Curuxeiras
A conmemoración do Cristo dos Navegantes será o primeiro acto que se celebre na antiga sala de exposicións que pasa a denominarse Sala Curuxeiras. Un inmoble que se abre tras as obras de remodelación que permitiron transformala nun edificio de usos múltiples. Un lugar aberto á cidadanía, que conta con 500 metros cadrados, e co que se buscou un mellor aproveitamento do espazo cunha gran sala diáfana. Ademais, pintouse o edificio seguindo a estética que se iniciou coa antiga Comandancia e que pretende ser a imaxe da fachada marítima.