O PORTO DE FERROL AUMENTA A SÚA ACTIVIDADE UN 11,2 % A PESAR DA CONTRACCIÓN XERAL DO MERCADO EN DE ESPAÑA
Nos nove primeiros meses do ano, o tráfico nas dársenas ferrolás contabilizou un total de 4.634.678 toneladas fronte ás 4.165.880 do mesmo período de 2022
O GNL alcanza as 1.536.117 toneladas ata o 30 de setembro e convértese na primeira mercadoría da Autoridade Portuaria
A paralización de Alcoa lastra os resultados de San Cibrao que cae un 61 % con respecto ao exercicio anterior
Ferrol, 11 de outubro de 2023
O Porto de Ferrol continúa a senda de crecemento e faio nun contexto xeneralizado de contracción do movemento de mercadorías no conxunto do sistema portuario español. As dársenas ferrolás resisten, por tanto, á retardación que se vive no comercio a nivel mundial e, entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro, moveron un total de 4.634.678 toneladas de mercadorías fronte ás 4. 165.880 do mesmo período do 2022. Isto supón un crecemento do 11,27 % con respecto aos nove primeiros meses do ano pasado. Un incremento significativo, especialmente se temos en conta que no conxunto do sistema portuario produciuse unha caída do 4,1 % cos datos consolidados ao 30 de agosto.
O incremento da actividade no porto de Ferrol rexístrase en todos os tipos de tráfico. Os graneis líquidos, con 2.734.470 toneladas, creceron un 10,5 %; os graneis sólidos incrementáronse un 11 % alcanzando as 1.099.310 toneladas, e a mercadoría xeral experimentou un aumento do 13, 9 % chegando ás 800.898 toneladas.
Con todo, mentres os peiraos da ría de Ferrol consolidan unha senda de crecemento, a situación na Mariña é moi diferente. A paralización de Alcoa está a lastrar de maneira significativa os resultados de San Cibrao que continúan en descenso. Ao 30 de setembro deste ano a caída foi dun 60,65 % con respecto ao mesmo período do exercicio anterior, unha redución que afecta a todos os tipos de tráficos. Pasouse dos 4,7 millóns de toneladas nos nove primeiros meses de 2022 a 1,8 millóns este ano.
Estes datos afectan o cómputo xeral da Autoridade Portuaria. Con datos aínda provisionais, as empresas que operan nos peiraos de Ferrol e San Cibrao moveron desde o 1 de xaneiro ao 30 de setembro un total de 6.474.946 toneladas de mercadorías fronte ás 8.842.566 consignadas nas mesmas datas de 2022. Produciuse, por tanto, un descenso no cómputo xeral da Autoridade Portuaria de 26,78 puntos porcentuais respecto ao mesmo período do último exercicio. Por tipo de mercadoría a desagregación lanza que o tránsito de graneis líquidos alcanzou as 2.807.282 toneladas; o de sólidos, as 12.865.053; e o de mercadoría xeral, as 802.611. O primeiro subiu un 4,9 % en comparación con 2022; o segundo baixou un 47,4 %; e o terceiro incrementouse nun 12,2 %.
O ranking de mercadorías lidérao o GNL que se sitúa como o primeiro tráfico con 1.536.117 toneladas movidas (+22,2 %). O segundo lugar ocúpao a bauxita con 1.204.692 toneladas nos nove primeiros meses deste exercicio fronte aos 3.314.517 do mesmo período do 2022. É dicir, cunha caída do 63,65 %. A clasificación complétana o fuel oil (800.804 toneladas), o carbón (653.820), a alumina (561.051), a madeira (305.375) e os aceites (264.857). A mercadoría contenerizada, pola súa banda, alcanzou as 276.797 toneladas, 6.200 toneladas máis que no mesmo mes de 2022. É dicir, a pesar da ralentización do movemento de mercadorías nos meses de verán, a terminal de Caneliñas creceu un 2,3 %.
“Os datos destes nove meses confirman que na ría de Ferrol o crecemento dos tráficos consolídase a pesar de que o contexto xeral non está a ser fácil. Por iso seguimos sendo cautos, porque a incerteza que se está vivindo a nivel internacional está a ralentizar o comercio mundial. Somos prudentes, aínda que tamén optimistas pola evolución que están a experimentar as operacións nos portos ferroláns e que é froito dun traballo constante, tanto pola atracción de novas industrias como pola aposta pola mercadoría de contedores”, explicou o presidente da Autoridade Portuaria. A situación de San Cibrao, con todo, vese con preocupación. “Estamos moi pendentes do futuro de Alcoa, non só pola súa repercusión no porto, senón polo impacto na economía e o emprego na Mariña. É a consecuencia da abrupta transición enerxética á que tivemos que enfrontarnos e a unha inestabilidade nos mercados que, aínda que de forma máis atenuada, segue xerando incerteza”, conclúe Francisco Barea.