A artesá búlgara Bistra Pisancheva expoñerá as súas réplicas de Cézanne e impartirá un taller durante a fin de semana 

A mostra, que organiza a Asociación Camiño de Artesanía, poderase visitar na sala de exposicións da Autoridade Portuaria 

Ferrol, 7 de abril de 2022

O encaixe de palillos volve esta fin de semana á sala de exposicións da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao. A Asociación Camiño de Artesanía organiza unha nova mostra-taller sobre esta técnica tan arraigada en Galicia. A exposición inaugúrase este venres ás 13:00 horas e poderase visitar toda a fin de semana en Curuxeiras.

A artesá búlgara Bistra Pisancheva será a invitada a esta cita que se converteu xa en tradicional no porto de Ferrol. Os visitantes poderán gozar do seu traballo e dunha mostra das súas creacións. Ademais, impartirá os días 9 e 10 de abril un taller para os afeccionados ao encaixe de palillos.

As persoas que se acheguen ata a sala de exposicións da Autoridade Portuaria atoparanse cun concepto diferente do encaixe ao que Bistra Pisancheva dálle “un toque contemporáneo”. Tal e como explica a presidenta da Asociación Camiño de Artesanía, Ana da Silva, “a técnica ten a base do encaixe que coñecemos pero ela xoga cos puntos e fai algo totalmente diferente e sorprendente”.

Entre os seus traballos destacan as súas propostas en moda cun concepto moderno das aplicacións en encaixe que poden servir de inspiración aos novos estudantes de deseño. Pero o que máis sorprende aos visitantes son as reproducións que realiza con fío dos cadros de Cézanne, o seu pintor favorito. “Son os palillos levados á arte”, apunta Ana da Silva.

A mostra-taller de encaixe pode visitarse o sábado e o domingo, 9 e 10 de abril, na sala de exposicións da Autoridade Portuaria, no peirao de Curuxeiras. O horario é de 10:30 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas.

As prazas para participar no obradoiro están limitadas polo que é necesario apuntarse previamente no teléfono 609 813 934.