Un barco ecolóxico recentemente construído en Turquía detense na cidade naval para abastecerse de gas natural licuado no seu roteiro cara a Noruega.

A nave recibiu 90 metros cúbicos de combustible fornecidos por Repsol por medio de dúas cisternas cargadas por ESK na terminal de Reganosa.

Ferrol, 27 de abril de 2021

O porto de Ferrol acolleu por primeira vez unha operación de avituallamento de gas natural licuado (GNL) a un gran buque de transporte de peixe vivo. A subministración tivo lugar onte no denominado Novo Peirao, da dársena interior.

O gas natural licuado é un 26% máis barato que o fueloil e moito máis eficiente desde o punto de vista ambiental, xa que reduce nun 100% as emisións de óxido de xofre e partículas, nun 95% as de óxido de nitróxeno e ata un 28% as de dióxido de carbono. Estas características son de gran importancia tendo en conta que no norte de Europa xa se estableceron as chamadas zonas ECA, onde os barcos teñen limitadas as emisións de gases á atmosfera, de modo que non poden usar os combustibles ata o de agora convencionais.

O buque que recibiu a subministración é o Bjørg Pauline, que acaba de ser construído no estaleiro turco Tersan Shipyard. Fixo escala en Ferrol no seu roteiro cara a Noruega, onde terá a súa base. Cunha eslora (longo) de 86 metros e unha manga (ancho) de 19, o barco foi deseñado para cargar 600 toneladas de peixe vivo. Ao servizo da industria do salmón, operará de forma ecolóxica grazas ao seu sistema de propulsión híbrido de gas e electricidade.

O avituallamento foi realizado por Repsol, que empregou dous camións cisterna de ESK que previamente foran cargados de GNL na terminal de Reganosa. O Bjørg Pauline recibiu uns 90 metros cúbicos de combustible que foron transvasados nunha operación sinxela, segura e limpa.

A Comisión Europea marcouse o obxectivo de que os portos de interese xeral poidan prestar o servizo de avituallamento de GNL, para así reducir o impacto da navegación no quecemento global. Ferrol conta para iso coa vantaxe de ter no seu porto unha terminal como a de Reganosa.

Ademais, a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao foi pioneira no estudo de medidas para desenvolver esta subministración, en alianza coa citada empresa, con Navantia e coa operadora da terminal de contedores do porto exterior (Yilport Ferrol). Precisamente na frota de portacontedores espérase un gran crecemento do GNL como combustible. O número de barcos así propulsados está a aumentar neste segmento a un ritmo anual do 20 %.

A de onte foi a terceira ocasión na que o porto de Ferrol acolleu unha operación de subministración de gas natural licuado a buques en tránsito. As anteriores tiveron lugar en febreiro de 2019, cando os ferris ecolóxicos Samnøe e Huftarøe, que acababan de ser construídos tamén en Tersan Shipyard, recibiron 178 metros cúbicos de combustible fornecido por Repsol.