A mostra inclúe medio centenar de reproducións a escala de embarcacións de distintas épocas, así como demostracións nas augas do porto de Ferrol

O evento, organizado pola Asociación de Modelismo Naval e RC coa colaboración da Autoridade Portuaria, estará aberto ao público do 20 ao 29 de outubro

Ferrol, 19 de outubro de 2023

A afección polo modelismo naval chega á Sala Curuxeiras. O próximo 20 de outubro abre ao público unha exposición na que se poderán contemplar medio centenar de pezas, tanto de modelos navegables de radio control como exemplares estáticos. Trátase de reproducións exactas de modelos de barcos representativos de diferentes épocas e técnicas de construción que permiten ter unha visión da evolución da enxeñería naval e, por tanto, da historia da navegación.

A exposición, organizada pola Asociación Modelismo Naval e RC de Ferrol coa colaboración da Autoridade Portuaria trasladará ao porto ferrolán unha afección que segue crecendo, en gran medida, polas actividades que realiza esta asociación que iniciou a súa andaina para mediados de 2016 polo empeño dun grupo de modelistas navais. O seu obxectivo é o de divulgar e dar a coñecer esta técnica, promovendo actividades e impulsando propostas para dar visibilidade a unha afección que trata de resaltar os aspectos máis relevantes da construción naval con reproducións a escala.

A mostra, que agora chega á Sala Curuxeiras, converterá ao porto de Ferrol no epicentro do modelismo naval. A exposición estará aberta ao público do 20 ao 29 de outubro en horario de 11:00 a 13:00 e de 17:00 a 20:30 horas. Ademais, complementarase con dúas demostracións nas augas do porto con algúns modelos navegables. Serán os días 22 e 29 de outubro, ás 11:00 horas, e permitirán aos asistentes observar estas reproducións en movemento. É unha oportunidade tanto para afeccionados do modelismo como para o público xeral que queira achegarse á cultura e á historia naval.