O Grupo Obradoiro expón as súas pinturas no Porto de Ferrol
A mostra colectiva está composta por obras de autores ferroláns non profesionais e abre as súas porta mañá ás seis da tarde.
A sala de exposicións da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao acolle unha mostra colectiva do Grupo Obradoiro, formado por pintores ferroláns non profesionais. Dende mañá ata o 7 de setembro poderase visitar no peirao de Curuxeiras.
Todas as obras desta exposición son pinturas ao óleo de temáticas moi varias. Na mostra pódense atopar paisaxes rurais e urbanos de Ferrol, bodegóns e cadros de temática mariña. Santiago Costa, un dos integrantes do Grupo Obradoiro, anima á xente a que se achegue ata a exposición para “pasar un momento entretido contemplando as paisaxes de Ferrolterra”.
A apertura da mostra terá lugar mañá, ás 18:00 horas, na sala de exposición situada no peirao de Curuxeiras. Poderase visitar ata o 7 de setembro, en horario de 18:00 a 20:30 horas.