As empresas que operan nos portos de Ferrol e San Cibrao moveron no primeiro semestre de 2021 case cinco millóns de toneladas, fronte ás 5,2 rexistradas na metade de 2020, o que minora a caída ata o 4,33 %.

A carga e descarga de graneis líquidos continúa mostrando un notable comportamento no período xaneiro-xuño cun crecemento do 14 % e a de mercadoría xeral aumentou un 18,6 %, no ecuador do exercicio.

Os contedores practicamente duplican os números do ano pasado ao crecer ata as 76.184 toneladas, un 62 % por enrriba de 2020.

 

Ferrol, 9 de xullo de 2021

A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao pechou o primeiro semestre de 2021 rexistrando nas súas instalacións un tránsito de materias primas, materiais e produtos próximo aos cinco millóns de toneladas. O auxe da mercadoría xeral e o bo comportamento dos graneis líquidos, en especial o gas natural licuado (GNL), permiten manter a súa actividade en niveis moi parecidos aos do ano pasado e tamén evolucionar de forma similar ao conxunto do sistema español de dársenas de interese xeral.

Segundo datos aínda provisionais, as empresas que operan nos peiraos de Ferrol e San Cibrao moveron dende o 1 de xaneiro ata o 31 de xuño un total de 4.976.337 toneladas de mercadorías, fronte ás 5.201.462 que consignaran en iguais datas de 2020. Produciuse, por tanto, un retroceso de 4,33 puntos porcentuais, fronte aos 5,95 que se rexistraron durante o primeiro trimestre. Esta retardación da caída concorda coas previsións que manexa Portos do Estado de que o sistema portuario español irá recuperando paulatinamente ao longo deste exercicio o seu volume de actividade e que este experimentará un forte crecemento na segunda metade de ano.

Por tipo de mercadoría, o tránsito de graneis sólidos alcanzou as 2.968.413 toneladas; o de líquidos, as 1.555.850, en números de récord histórico, como se pode apreciar no gráfico que acompaña a esta información; e o de mercadoría xeral, as 452.073. O primeiro caeu un 14,05 % en comparación con 2020, con máis de 400.000 toneladas de bauxita menos; mentres que o segundo e o terceiro ubiron,respectivamente, un 14 e un 18,6 %.

O ranking de mercadorías do primeiro trimestre lidérao a bauxita, con 2.747.493 toneladas movidas, e o GNL, con 1.019.694. A clasificación complétana nos seus primeiros postos a alúmina (666.488 toneladas), o fueloil (310.998), a sosa cáustica (163.056), a chatarra (126.659), a madeira (99.812), o aceiro (91.588) e a mercadoría contenerizada (76.184), que prosegue a súa escalda nas posicións de top ten.

A barreira do millón de toneladas

Con medio exercicio aínda por diante e aínda que no segungo trimestre o ritmo de arranque de ano minorouse, as cargas e descargas de GNL nos peiraos de Reganosa xa excederon a barreira do millón de toneladas. Esta cifra supón un incremento destacable do 56 % con respecto ao ano 2020.

Tamén rexistrou unha sobresaliente evolución o tránsito de cargas dentro de contedores, que consolida o crecemento que xa mostrara no primeiro trimestre e sobe un 54 % se se mide en toneladas e un 62 % se a comparación establécese en TEUs, ata alcanzar os 7.767.

“Sabemos que a recuperación da actividade económica ata niveis previos á pandemia vai ser progresiva e custará moito traballo. Son, sen dúbida, anos complicados nos que a aceleración da transición enerxética tamén afectou de maneira significativa a unha parte importante dos nosos tráficos, pero nos datos hai sinais moi positivos como é o incremento notable na carga e descarga de mercadoría xeral, que é a que maior valor engadido deixa a nosa contorna”, detallou o presidente da Autoridade Portuaria, Indalecio Seijo.