O EDIFICIO DA ANTIGA COMANDANCIA DE FERROL ABRE AS SÚAS PORTAS AOS CIDADÁNS CUNHA EXPOSICIÓN SOBRE A SÚA HISTORIA
“Ritmo de Mar” fai un percorrido pola vida deste emblemático inmoble, desde o século XVIII a través de fotografías e documentos do arquivo da Autoridade Portuaria
A mostra estará aberta ao público ata o 10 de xaneiro de 11:00 a 13:30 horas e de 16:00 a 21:30 horas
“Este espazo forma parte da memoria colectiva da cidade e queremos que sexan os ferroláns os primeiros en poder disfrutar deste remodelado edificio”, destaca Francisco Barea
Ferrol, 26 de decembro de 2022
O edificio da antiga Comandancia abre as súas portas tras a remodelación do inmoble que forma parte da memoria colectiva da cidade e que está reflectida na exposición que queda aberta ao público nas dependencias do edificio. Trátase da mostra “Ritmo de mar” que fai breve percorrido de parte da historia de Ferrol a través deste espazo simbólico.
Catro grandes paneis, dous por planta, mostran a vida do edificio desde o século XVIII e como, ao longo do tempo, foise convertendo nun lugar emblemático da cidade. Ademais, inclúense reproducións de planos e documentos da época, así como pequenos textos sobre os fitos construtivos e os distintos usos do edificio, de Comandancia a Autoridade Portuaria. A mostra complétase, na terceira planta, cunha composición artística sobre a memoria marítima ferrolá a través de 18 ilustracións, en gran formato, dos faros responsabilidade da APFSC e de barcos relacionados coa ría e a súa actividade económica ao longo dos tempos.
A exposición inclúe tamén unha parte emocional representada por dúas árbores de Nadal deseñadas expresamente para este espazo. Con elas rememóranse os tempos nos que, na Comandancia, entregábanse os agasallos dos Reis Magos aos nenos da zona.
“Ritmo de mar”, un título que rende homenaxe á poeta ferrolá Xohana Torres, foi comisariada pola documentalista e historiadora Pilar Blanco Vidal en colaboración co arquivo documental da APFSC.
Unha reforma pensada para a cidade
O presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, Francisco Barea, realizou un percorrido pola mostra. Ao finalizar a visita, dirixida pola comisaria da exposición, Pilar Blanco Vidal, Barea convidou aos ferroláns para gozar da exposición e percorrer o edificio da antiga Comandancia.
“Este espazo forma parte da memoria colectiva da cidade e queremos que sexan os ferroláns os primeiros en poder disfrutar de novo deste remodelado edificio. Forma parte da identidade de Ferrol e por iso estamos empeñados en que, agora que abre de novo as súas portas, todos poidan entrar e facer un percorrido pola súa historia, que é a de todos nós”, destacou Francisco Barea.
“Ritmo de Mar” poderá visitarse todos os días ata o 10 de xaneiro, excepto o 1 de xaneiro que permanecerá pechada. O horario será de 11:00 a 13:30 horas e de 16:00 a 21:30 horas, salvo o 31 de decembro que poderá visitarse só pola mañá.
O presidente da APFSC destacou que se trata de “un día especialmente ilusionante porque reabre para os ferroláns un edificio emblemático tras unha remodelación que supón un paso máis nese cambio de imaxe da fachada marítima”. A reforma supuxo un investimento de 1,3 millóns de euros e permitirá ampliar o espazo destinado ás oficinas da Autoridade Portuaria e devolver a vida a un espazo que seguirá así formando parte da historia de Ferrol.