O Consello de Administración da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao deu esta mañá luz verde ao proxecto exposto por Nervio Naval-Offshore para a dársena de Caneliñas. Deste xeito, a compañía naval ocupará unha parcela de 70.000 metros cadrados entre a terminal de Endesa e a de contedores do grupo Yilport. A iniciativa promovida por Nervión contempla a construción dunha planta de última xeración para a ensamblaxe de estruturas para a eólica mariña. O investimento estimado supera os 25 millóns e prevese que xere uns 300 postos de traballo. Ademais, axudará a converter ao porto de Ferrol nun dos referentes no mercado das renovables e posicionarao nun lugar privilexiado para xogar un papel determinante na transición enerxética.
Doutra banda, o ente que dirixe Francisco Barea, entre outras cuestións, aprobou as contas do pasado exercicio 2021, cuxo resultado final lanza un beneficio para a Autoridade Portuaria de 2,6 millóns de euros. Estas cifras supoñen un crecemento notable con respecto a 2020 cando o resultado positivo quedou nos 1,1 millóns de euros, o que indica que, pese ao sobresaliente esforzo en investimentos como a ligazón ferroviaria ao porto exterior, a Autoridade Portuaria goza dunha saúde robusta no plano económico.

Edificio de usos múltiples no porto exterior
Tal e como anunciara o presidente a finais do ano pasado, a conclusión das obras do edificio de usos múltiples do porto exterior vai ser unha realidade. Trátase dunha construción que estaba destinada á Cámara de Comercio e que nin sequera se chegaron a completar pola disolución do órgano cameral en 2009. A intención da Autoridade Portuaria é finalizar os traballos e dotar ás empresas que queiran implantarse en Caneliñas dun edificio de 3.000 metros cadrados repartidos en tres plantas. O orzamento basee para a súa licitación é de 2,3 millóns.