O Club do Mar dispón ata o 27 de decembro para completar os traballos de construción dos novos pantaláns que se xa atopan parcialmente operativos.

O organismo que preside Francisco Barea tamén contratará a subministración eléctrica da Autoridade Portuaria por un importe aproximado de 2,4 millóns en dous anos .

Ferrol, 20 de novembro de 2021

O Consello de Administración da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao aprobou conceder unha prórroga ao Club do Mar para completar a obra de construción dos novos pantaláns da dársena sur. A data de finalización dos traballos estaba fixada para o 27 de setembro, pero a entidade deportiva solicitou unha ampliación do prazo pola falta de subministración de materiais. O organismo que preside Francisco Barea considera suficientemente motivada esta petición de prórroga para a conclusión da nova infraestrutura náutica, que xa se atopa parcialmente operativa, e dá ata o 27 de decembro para acabar a obra. Aínda que a concesión que o Club do Mar ten sobre esta infraestrutura considérase en explotación desde o 27 de setembro.

Doutra banda, o Consello de Administración deu este venres luz verde á contratación da subministración eléctrica da Autoridade Portuaria despois de que o 27 de outubro vencese o contrato de dous anos que tiña a empresa Nexus Enerxía, S.A. O importe aproximado do novo contrato que terá un trámite de urxencia será de 2,4 millóns de euros en dous anos (1+1 prorrogable). A contía resulta de multiplicar o consumo anual estimado e os números de puntos de subministración polos prezos máximos para cada un dos bloques nos que se dividiu a subministración, engadindo as peaxes de acceso á rede eléctrica, os cargos por custos regulados do sistema, o imposto eléctrico e alugueiro de contadores, se fose o caso.