Música, recitais de poesía, presentacións de libros, conferencias e sesións de meditación son algunhas das propostas que se poderán gozar na exposición “A arte da fala”

 A mostra inaugúrase este venres ás 12:00 horas e estará aberta ao público ata o próximo 8 de agosto

Ferrol, 27 de xullo de 2023

 A Sala Curuxeiras do porto de Ferrol converterase ata o 8 de agosto nun espazo multicultural. O Colectivo Ártabros propón unha serie de actividades dirixidas a todos os públicos nas que se mostrarán distintas disciplinas culturais baixo o título “A arte da fala”. O público que durante os próximos días se achegue a este espazo expositivo atoparase con música en directo, recitais de poesía, presentacións de libros, conferencias e sesións de meditación coas que se pretende trasladar aos cidadáns a creatividade de todos os que forman parte deste grupo heteroxéneo de artistas que volve, un ano máis, ao porto de Ferrol.

“A arte da fala” inaugúrase este venres, 28 de xullo, ás 12:00 horas na Sala Curuxeiras. Un acto no que o poeta Xurxo Gago realizará un pequeno recital. A continuación, haberá unha actuación da artista Julia Dopico ás 13:00 horas. A música en directo, nesta ocasión a cargo de Transplass, repetirase ás 20:00 horas.

A xornada inaugural é só unha mostra das distintas actividades que o colectivo planificou durante toda a semana. O obxectivo é combinar unha exposición de diferentes traballos e diferentes disciplinas con actividades para o público xeral. Nesta edición, ademais, presentaranse obras dos mozos creadores que forman parte do Colectivo Ártabros. Presentacións de libros, conferencias sobre reiki, meditación, árbore xenealóxica, sesión vermú, concertos en vivo, sesións de mindfulness-meditación e recitais de poesía con diferentes autores do colectivo literario Moraima son algunhas das propostas que poderán atoparse os que se acheguen á Sala Curuxeiras durante os próximos días. Un programa cultural que contará con actividades variadas cada xornada.

A mostra “A arte da fala” estará aberta desde o 28 de xullo ata o 8 de agosto en horario de 12:00 horas a 15:00 horas e, pola tarde, a partir das 18:00 horas ata que finalicen as actividades xa que cada día, desde as 20:00 horas, haberá unha proposta diferente para sorprender aos asistentes.