O evento deportivo, que se celebrará o 19 de novembro, está aberto a atletas afeccionados e federados e incluirá tamén unha proba para menores

Os circuítos, de 5.000 e 10.000 metros, foron homologados pola Federación Española de Atletismo polo que as marcas obtidas puntuarán para as distintas competicións oficiais

O trazado terá saída e meta no peirao de Curuxeiras e discorrerá polo interior do porto

Ferrol, 23 de xuño de 2023

O porto interior será o escenario dunha das probas incluídas no calendario oficial da Federación Galega de Atletismo. Trátase da carreira popular 10k “Porto de Ferrol” organizada polo club de atletismo “Ría de Ferrol” co patrocinio da Autoridade Portuaria. A proba, que trasladou a súa celebración ao 19 de novembro, reunirá a atletas afeccionados e federados e contará tamén cunha proba para menores.

A carreira contará con dúas probas de 5.000 e 10.000 metros con saída e meta no peirao de Curuxeiras. Os participantes percorrerán a estrada Porto-Graña cara á rotonda de entrada ao porto interior polo que discorrerá gran parte do trazado, abarcado o peirao novo.

Os circuítos foron recentemente homologados pola Federación Española de Atletismo, o que supoñerá un atractivo máis para os atletas xa que as marcas que consigan estarán certificadas e puntuarán para as distintas competicións oficiais. Ademais da carreira absoluta celebrarase tamén unha carreira para menores cuxo trazado oscilará entre os 500 e os 2.500 metros en función da categoría.

O presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, Francisco Barea, reuniuse hoxe co vicepresidente do club de atletismo, José Manuel Castro Sánchez, para coordinar a organización da carreira popular que conta tamén coa colaboración do Concello de Ferrol.