O AUXE DAS IMPORTACIÓNS DE GNL PERMITE Á AUTORIDADE PORTUARIA MANTER A SÚA ACTIVIDADE EN NIVEIS SIMILARES AOS DO CONXUNTO DO SISTEMA E AOS DO ANO PASADO
As empresas que operan nos portos de Ferrol e San Cibrao moveron no primeiro trimestre de 2021 case 2,3 millóns de toneladas, fronte ás algo menos de 2,4 rexistradas no arranque de 2020.
A carga e descarga de graneis líquidos disparouse no período xaneiro-marzo un 46,3 % e a de mercadoría xeral aumentou un 3,7 %, mentres que a de sólidos descendeu un 24,9 %.
Contedores e fueloil súmanse á positiva evolución do mercado do gas natural licuado neste arranque de exercicio.
Ferrol, 12 de abril de 2021
A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao pechou o primeiro trimestre de 2021 rexistrando nas súas instalacións un tránsito de materias primas, materiais e produtos próximo aos 2,3 millóns de toneladas. O auxe das importacións de gas natural licuado (GNL) está a permitir á institución, en plena pandemia, manter a súa actividade en niveis similares aos do ano pasado e tamén evolucionar de forma parella ao conxunto do sistema español de dársenas de interese xeral.
Segundo datos aínda provisionais, as empresas que operan nos peiraos de Ferrol e San Cibrao moveron desde o 1 de xaneiro ata o 31 de marzo un total de 2.252.054 toneladas de mercadorías, fronte ás 2.394.392 que consignaran en iguais datas de 2020. Produciuse, por tanto, un retroceso de 5,95 puntos porcentuais, fronte á caída do 6,75 % medida durante o primeiro bimestre na suma dos portos do Estado.
En global, o tránsito de graneis sólidos alcanzou as 1.234.469 toneladas; o de líquidos, as 821.940; e o de mercadoría xeral, as 191.680. O primeiro caeu un 24,95 % en comparación con 2020, mentres que o segundo e o terceiro subiron, respectivamente, un 46,3 e un 3,7 %.
O ranking de mercadorías do primeiro trimestre lidérano a bauxita, con 825.219 toneladas movidas, e o GNL, con 547.383. A clasificación complétana nos seus primeiros lugares a alúmina (299.478 toneladas), o fueloil (136.159), a sosa cáustica (84.043), a madeira (48.748), a chatarra (42.553), o aceiro (39.687), a pedra e grava (36.035) e o bio-diésel (25.893). A mercadoría contenerizada alcanzou as 35.585 toneladas, por primeira vez en volumes de top ten.
Ruptura do teito histórico
Tanto en termos absolutos como en relativos, entre os tráficos de maior importancia o mellor dos progresos no período xaneiro-marzo marcouno o GNL. Non en balde, á terminal de Reganosa chegaron case o triplo de metros cúbicos que nas mesmas datas de 2020, un 175,7 % máis exactamente. Este mercado, do mesmo xeito que o dos graneis líquidos en xeral, rompeu así o seu teito histórico, como reflicte o gráfico que complementa este texto.
Tamén rexistrou unha magnífica evolución o tránsito de cargas dentro de contedores, que subiu un 56,9 % se se mide en toneladas e un 75,7 % se a comparación establécese en TEUs, ata alcanzar os 3.610. O movemento de fueloil, igualmente, ascendeu un 33,5 %.
“Aínda estamos a pagar os efectos negativos que a transición enerxética acelerada tivo na nosa contorna, aínda continuamos tamén inmersos na crise da covid-19, e a incerteza que se cerne sobre a industria electrointensiva segue aí. Todas estas circunstancias fannos ser especialmente cautos. Con todo, con todo iso, estamos a ser capaces de aguantar. Isto, unido ao traballo pola diversificación do negocio que estamos a realizar, fainos ver o futuro con certo optimismo. […] Para o segundo semestre esperamos unha recuperación xeneralizada de tráficos, de acordo coas previsións de Portos de Estado”, valorou o presidente da Autoridade Portuaria, Indalecio Seijo.