O pintor, máis coñecido como “O Portuxés”, presenta unha trintena de óleos nos que a natureza cobra especial protagonismo

A exposición ábrese ao público mañá xoves ás 12:00 horas e poderá visitarse ata o próximo 29 de setembro

Ferrol, 18 de setembro de 2024

O artista local Luis da Silva, máis coñecido por “O Portuxés” en honra á orixe lusa do seu pai, volve expoñer un ano despois na Sala Curuxeiras do porto de Ferrol. Faio con máis de trinta obras nas que tenta transmitir a súa visión de distintos recunchos de toda Galicia.

A exposición, titulada “Pintando Galicia”, está composta por óleos nos que nos que a natureza ten un especial protagonismo. Paisaxes, árbores singulares, ríos, pontes ou edificacións veranse reflectidas na obra deste pintor que aos seus 86 anos comparte, a través dos seus cadros, a beleza de Galicia. Á hora de transmitir opta polo realismo, plasmando en cada pintura as súas sensacións. Nesta nova mostra, a cor volverá ser un dos distintivos deste artista que traballa especialmente as mesturas ata conseguir plasmar en cada obra os tons e matices que se atopan na natureza. Unha habilidade que mantén do seu traballo profesional como pintor e que lle outorga un toque distintivo nesta etapa na que o pincel é o seu instrumento de traballo.

A mostra “Pintando Galicia” ábrese ao público mañá, xoves 19 de setembro, e poderá visitarse na Sala Curuxeiras ata o día 29 en horario de 12:00 a 13:30 horas e de 16:00 a 19:00 horas.

Expoñer no porto de Ferrol ten para Luis da Silva “O Portuxés” un especial significado xa que sente unha forte vinculación co mar que ten un gran protagonismo, non só na súa obra artística, senón tamén na súa vida. Hai un ano mostraba as súas obras por primeira vez neste espazo cunha exposición titulada “Ría de Ares e de Ferrol” composta por óleos nos que se reflectían as paisaxes da ría, así como monumentos destacados da cidade. Nesta ocasión ampliou o ámbito da súa inspiración a toda Galicia.