O ARTISTA FERROLÁN MARCOS MELLA VOLVE AO PORTO PARA AMOSAR A SÚA PAIXÓN POR MEIRÁS A TRAVÉS DAS SÚAS FOTOGRAFÍAS
A mostra “Onde acaba a terra e empeza o mar” poderá visitarse ata o 30 de setembro na sala de exposicións da APFSC
O mar, a ermida e o faro protagonizan as vinte e dúas instantáneas
Ferrol, 20 de setembro de 2021
O artista ferrolán Marcos Mella regresa á sala de exposicións da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, situada no peirao de Curuxeiras. Faino, nesta ocasión, cunha serie de fotografías temáticas sobre un lugar moi especial para el: Meirás.
A mostra titulada “Onde acaba a terra e empeza o mar” poderá visitarse desde o 21 ata o 30 de setembro. A entrada é gratuíta. Son un total de 22 fotografías nas que recolle a ermida, o faro e o mar que o inspiraron ao longo da súa vida.
“Gustaríame que nesta exposición a xente vise Meirás a través dos meus ollos, do que eu vexo, do que sinto cando fago as fotos”, explica o autor, que con este traballo quere compartir a súa paixón por este lugar. “Alí pasei os veráns, compuxen e escribín as mellores cancións da miña carreira e todos os días sigo indo aló polas mañás”, destaca Marcos Mella, que tamén escribiu unha canción sobre Meirás durante o confinamento.
A exposición recolle as instantáneas que realizou durante os últimos catro anos, cando decidiu compaxinar a súa carreira como músico coa fotografía. Un percorrido ao longo do tempo no que os visitantes poderán atopar desde a súa primeira foto ata unha imaxe moi especial da ermida vista a través dunha botella.
A mostra complétase cunha exposición de maquetas da ermida realizadas por Ricardo Santalla.
A exposición será inaugurada o martes 21 de setembro ás 12:00 horas e estará aberta ao público ata o 30 de setembro en horario de 18:00 a 20:00 horas.