Sobre estas liñas, varias das fotos que formarán parte da mostra programada na sala de exposicións da Autoridade Portuaria

Os visitantes poderán contemplar do 28 de agosto ao 4 de setembro vinte imaxes de faros e outras instalacións marítimas da zona.

A mostra é o resultado dun ano de traballo

Ferrol, 17 de agosto de 2018

O artista ferrolán Marcos Mella presentará por primeira vez no porto de Ferrol a súa obra fotográfica.
Será entre finais deste mes e principios do seguinte. A entrada será gratuíta.

A sala de exposicións da Autoridade Portuaria, ubicada no peirao de Curuxeiras, acollerá a mostra do 28 de agosto ao 4 de setembro. Baixo o título de Luces en el mar, estará composta por unha vintena de imaxes de mediano e gran tamaño impresas tanto en cor coma en branco e negro. As fotos recollen faros e outras instalacións marítimas da zona. Segundo o autor, son o froito de algo máis dun ano de traballo.

A exposición será inaugurada na tarde do 28, no que Mella, coñecido cantautor, tamén interpretará algún dos temas que formarán parte de 300 meses, o seu próximo disco, que sairá ao mercado cara a outubro. A partir do 29 e ata o seu peche, a mostra abrirá ao público en horario de 10:00 a 13:30 horas e de 17:00 a 20:00 horas.