A mostra “Ferrol, a nosa ría” abrirá as súas portas o próximo luns e poderase visitar ata o 10 de abril

O alumnado do CPR Plurilingüe Jorge Juan Perlío presentará a exposición Ferrol, a nosa ría o próximo luns, ás 12:00 horas, no faro de Cabo Prior. Este centro realiza un proxecto anual e común para todos os cursos, o eixe central do de este ano é a Ría de Ferrol. Os traballos que os estudantes realizaron para este iniciativa son os que conforman esta mostra.

“Desde traballos manuais ata presentacións multimedia e interactivas e con aspectos relacionados coa ría, xa sexan culturais, gastronómicos ou personaxes históricos, son as obras que os visitantes poderán ver nesta exposición, onde o alumnado tamén fará o papel de guía pola mostra”, explica Emilio Vilariño, que forma parte do equipo da biblioteca do centro que coordina este proxecto.

Na exposición participan todos os cursos, desde infantil ata secundaria. As familias, moitas delas vinculadas coa ría a nivel laboral, tamén se involucran aportando obxectos curiosos relacionados con ela.

“Este proxecto está gustando moito no centro porque, a pesar de ter a ría tan cerca, hai moitas cousas sobre ela que o alumnado descoñece. Entón, con esta iniciativa está descubrindo e aprendendo moitas cousas. No centro están ultimando os detalles da exposición con moita emoción”, conta Vilariño.

Ferrol, a nosa ría poderase visitar a partir do luns ás 12:00 horas, momento da apertura de portas que contará coa presencia do presidente de Autoridad Portuaria Ferrol-San Cibrao, Francisco Barea, e con representantes do CPR Plurilingüe Jorge Juan Perlío. O horario de visita é de luns a venres de 17:00 a 19:00 e sábados e domingos de 11:00 a 13:00 e de 17:00 a 19:00 horas.