NOVO IMPULSO Á INTERCONECTIVIDADE E A SUSTENTABILIDADE NO PORTO DE FERROL
A Autoridade Portuaria pon en marcha a renovación das vías do ferrocarril na dársena interior e a dotación dunha terceira no acceso da Malata.
A actuación será financiada pola Unión Europea e conta cun orzamento para a execución dos traballos que supera os oito millóns de euros.
O ente que preside Indalecio Seijo tamén conseguiu algo máis dun millón de euros para outras accións enfocadas ao aforro enerxético
Ferrol, 15 de xullo de 2021
A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao dá un novo impulso para incrementar a interconectividade no Porto de Ferrol coa renovación das vías do ferrocarril na dársena interior, en concreto a que transcorre paralela ao peirao Fernández Ladreda e a que o fai pola rúa principal, que datan de hai máis de 50 anos e xa non se adaptan os estándares actuais. Ademais, está prevista a dotación dunha terceira vía no acceso da Malata, que se sumaría ás dúas xa existentes na entrada do porto interior e que facilitaría a regulación do tráfico e aumentaría a capacidade de tránsito ao poder realizar operacións de forma máis rápida e sinxela.
Estas actuacións están contempladas dentro do plan de empresa do ente que preside Indalecio Seijo e contan cun orzamento de 8,1 millóns de euros. Unha cantidade que será financiada de forma íntegra con fondos europeos dentro da partida que Portos do Estado recibiu do plan de estímulos comunitario para a recuperación económica. As obras comezarán en 2023.
A nova intervención completaría o principal investimento que está a levar a cabo a Autoridade Portuaria que é a ligazón ferroviaria a Prioriño, cuxa contía supera os 90 millóns de euros e que está a executar co apoio do Fondo Financeiro de Accesibilidade Terrestre ( FFAT), apoiado polo BEI (Banco Europeo de Investimentos). A rede interna de ferrocarril do porto exterior, pola súa banda, ten o apoio do mecanismo CEF ( Connecting Europe Facility) da Unión Europea.
Renovación das luminarias
A Autoridade Portuaria tamén conseguiu 1,1 millóns de euros da UE para accións relacionadas coa sustentabilidade ambiental. Neste capítulo, a actuación máis importante prevista é a renovación do sistema de iluminación exterior tanto do porto interior como de Caneliñas dotándoo de luminarias de baixo consumo de tipo led. O orzamento para esta actuación é de 850.000 euros e executaríase o ano que vén. Completan a partida a instalación de placas solares como subministración secundaria de enerxía en varios sinais marítimos, a posta en funcionamento de compensadores de marea para pechar a dársena interior no caso dunha vertedura, a conexión das instalacións que o ente ten en Mugardos á rede de saneamento e a adquisición de dous vehículos eléctricos.