O proceso de selección dun técnico de Recursos Humanos e un asistente de Dirección suscita un notable interese entre os candidatos a estes empregos

A primeira proba do concurso-oposición celebrarase os días 23 e 24 deste mes no CIS da Cabana e será un exame teórico tipo test

Ferrol, 16 de xuño de 2021

A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao comezou o proceso de selección de aspirantes a dúas novas prazas: un técnico de Recursos Humanos e un asistente de Dirección. Á primeira presentáronse 85 candidatos, mentres que á segunda, 40. Os primeiros exames dentro do concurso-oposición arrincará a próxima semana. Trátase dunha proba teórica tipo test, que no caso do asistente de Dirección completarase tamén unha avaliación escrita e oral de nivel de inglés. Son os candidatos a esta praza os que empezarán antes, en concreto o mércores 23. Un día máis tarde tocaralles a quenda aos interesados no posto de técnico de Recursos Humanos. A localización escollida para a realización destes exames é o CIS da Cabana. O proceso finalizarase cunha proba práctica, unha entrevista e o concurso de méritos, cuxas datas aínda están pendentes de definir.

As prazas de policía polo Brexit, na recta final

Así mesmo, a selección dos candidatos para as dúas prazas na policía portuaria que se abriu a raíz do Brexit e a necesidade de reforzar este corpo polo incremento de tarefas vinculadas a inspeccións fronteirizas está xa na súa recta final. O pasado martes 8 realizouse a proba psicotécnica e esta mesma semana (xoves 17 e venres 18) está previsto que se celebren as entrevistas. Co que quedaría pechada a fase de oposición e iniciaríase o concurso de méritos. A estimación que manexa a dirección da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao é que o proceso quede resolvido a principios do mes que vén.