A Autoridade Portuaria convoca a sexta edición do concurso de fotografía “Porto e Ciudad”
Os traballos poderán presentarse entre o 27 de marzo e o 10 de abril e serán imaxes inéditas relacionadas co mar ou as instalacións e actividades portuarias na ría de Ferrol
O certame está dirixido a mozos de entre 12 e 18 anos que poderán presentar unha única instantánea que formará parte dunha exposición na Sala Curuxeiras
Un xurado valorará a orixinalidade e calidade técnica para elixir os tres traballos que recibirán como premio un pack fotográfico
Ferrol, 25 de marzo de 2026
Ponse en marcha a sexta edición do concurso de fotografía “Porto e Ciudad” que organiza a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao. A iniciativa ten como un dos seus obxectivos achegar aos máis novos a realidade do porto de Ferrol e que transmitan a súa percepción a través dunha fotografía. O prazo para presentar os traballos ábrese o venres, 27 de marzo, e poderán enviarse as instantáneas ata o 10 de abril.
No concurso poderá participar calquera persoa de entre 12 e 18 anos, ambas as idades inclusive. Cada participante presentará unha única fotografía, inédita e en formato dixital. A súa temática estará directamente relacionada co mar, as instalacións e as actividades portuarias na ría de Ferrol.
As persoas interesadas en participar nesta sexta edición do certame, deberán enviar as súas imaxes entre o 27 de marzo e o 10 de abril. As instantáneas -soamente unha por aspirante- enviaranse á conta de correo electrónico puertoyciudad@apfsc.es coa referencia “VI Concurso de Fotografía: Porto e Ciudad” no asunto do correo. Deberán incluír un título ou lema, o nome e apelidos da persoa autora da fotografía, a súa idade e un número de teléfono de contacto.
As mellores imaxes integrarán unha mostra especial que acollerá a Sala Curuxeiras e tres delas recibirán un agasallo como premio. O autor do mellor traballo elixido polo xurado recibirá un pack de fotografía avanzada Canon EOS 2000D. O segundo e terceiro premio será un pack creativo Canon EOS R100 Mirrorless. O xurado valorará especialmente a orixinalidade, a calidade técnica e a creatividade. As bases do concurso poden consultarse na web www.apfsc.com.