A AUTORIDADE PORTUARIA APROBA O PROXECTO DE MASOL PARA A AMPLIACIÓN DAS SÚAS INSTALACIÓNS CUN INVESTIMENTO DE 33 MILLÓNS DE EUROS
O consello de administración deu luz verde á execución de novas infraestruturas que permitirán á empresa mellorar a produción e a calidade do biodiesel xerado con aceites vexetais usados
O organismo que preside Francisco Barea valorou para a modificación non substancial da concesión o peso da firma que reporta un tráfico marítimo anual ao redor de 500.000 toneladas
O órgano de dirección tamén aproba o nomeamento de Jesús Casás como novo presidente do Consello de Navegación dos portos de Ferrol e San Cibrao
Ferrol, 28 de outubro de 2022
O consello de administración da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao deu esta mañá luz verde ao proxecto de Masol para ampliar as súas instalacións mediante a modificación e incorporación de novas infraestruturas que lle permitirán mellorar a produción.
O órgano de dirección da APFSC aprobou unha modificación non substancial dunha das concesións que ten Masol no porto exterior e na que actualmente se sitúa a planta de biodiesel. A firma investirá 33 millóns de euros na execución das obras.
O obxectivo deste proxecto é o de manter a produción nominal e mellorar a calidade do biodiesel resultante tras incorporar ao proceso materias primas provenientes de fontes renovables, como son os aceites vexetais usados e outras materias graxas, seguindo así as directrices da UE. O fomento do uso de biocarburantes como fonte renovable de enerxía, constitúe unha das vías de actuación no marco nacional e europeo, na transición enerxética cara á descarbonización da economía.
Para a aprobación da modificación non substancial da concesión, a entidade que preside Francisco Barea tivo en conta a necesidade destas melloras técnicas para manter a produción dunha empresa que move un tráfico marítimo dunhas 500.000 toneladas anuais no porto de Ferrol.
Outros acordos
O consello de administración tamén deu o visto e prace a unha modificación do proxecto da primeira fase da rede interna do ferrocarril e as instalacións de intercambio intermodal que actualmente están en execución. A modificación, que inclúe melloras de carácter técnico, supoñerá un importe adicional de 73.483 euros, un 1,77 % do orzamento inicial. Este incremento ten cobertura no vixente plan de investimentos 2022-2026.
Así mesmo, o órgano de dirección aprobou o nomeamento de Jesús Casás López como presidente do Consello de Navegación e Porto dos portos de interese xeral de Ferrol e San Cibrao, substituíndo a Alejandro Rey. O nomeamento cumpre así o trámite normativo que establece que este cargo será ocupado polo director da APFSC. Ao órgano asesor tamén se incorporará como vogal Miguel López Reig, en representación do Arsenal Militar de Ferrol, que ocupará o lugar de Carlos Sicre.