José Ignacio Villar García, novo director da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao
1 Xullo, 2026
O consello de administración aproba o nomeamento a proposta do presidente do organismo portuario
Villar García regresa a Ferrol procedente da Autoridade Portuaria de Vigo onde actualmente dirixía o departamento de Explotación
Ferrol, 30 de xuño de 2026
José Ignacio Villar García é o novo director da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao. O consello de administración aprobou esta mañá o nomeamento a proposta do presidente, José Antonio Álvarez Vidal, para reforzar o seu equipo. Deste xeito, Villar García regresa a un cargo que xa desempeñou entre 2001 e 2002 e ao que se incorpora procedente da Autoridade Portuaria de Vigo onde actualmente estaba a cargo do departamento de Explotación.
Enxeñeiro de Camiños, Canles e Portos, coa especialidade de Transportes, pola Universidade de Cantabria, conta con máis de 30 anos de bagaxe en dirección e xestión portuaria. Liderou proxectos de alto impacto en organismos públicos e destaca o seu papel no inicio das obras dos portos exteriores de Ferrol e da Coruña. O seu dilata experiencia executiva que lle levou a tres dos grandes portos estatais en Galicia. Entre 2001 e 2002 foi o director da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao para pasar, a continuación, a ocupar ese mesmo cargo no organismo portuario da Coruña entre 2003 e 2008. Estivo en Portos de Galicia, como director xeneral, entre 2008 e 2019 pasando a exercer a continuación como asesor de empresas para proxectos internacionais. Desde 2021 ata a actualidade estivo a cargo do departamento de Explotación do Porto de Vigo. Agora, incorpórase ao equipo de José Antonio Álvarez Vidal como director da Autoridade Portuaria de Ferrol San Cibrao en substitución de Jesús Casás cuxa dimisión foi aprobada polo consello de administración.
Outros asuntos
Alén do nomeamento do novo director, no consello de administración tamén tomaron posesión como novos vogais María Dolores García Caramés, en representación do Concello de Cervo; Alfonso Villares Bermúdez en representación da Comunidade Autónoma, e Arxoo Tabaré Patiño, en representación das organizacións sindicais.