José Antonio Álvarez Vidal subliña a capacidade do Porto de Ferrol para responder o desafío que o proxecto de SAIC expón a nivel loxístico
O presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao confía en que a chegada do primeiro buque con 700 coches da firma MG abra unha relación baseada na excelencia operativa e o crecemento compartido
Ferrol, 9 de xullo de 2026
A chegada do Anji Forever “simboliza máis que unha operación loxística, representa a confianza depositada neste porto e a capacidade de Galicia de situarse nos grandes roteiros do comercio mundial”. O presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, José Antonio Álvarez Vidal, resaltou esta mañá, no acto oficial para celebrar a atracada do primeiro buque con 700 vehículos da marca MG, o potencial da dársena exterior de Ferrol para responder as necesidades “ de desenvolvemento” dunha industria tan competitiva como a da automoción. Na cita que tivo lugar en Caneliñas estiveron, entre outros asistentes, o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; o vicepresidente do grupo SAIC e presidente do consello de administración de Anji Logistic, Wu Bing; a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana; o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; o subdelegado de Gobierno na Coruña, Julio Abalde; e o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela.
A chegada do Anji Forever e o establecemento dunha liña de Anji Logistics entre Asia e Europa, coa entrada en Ferrol, supón o primeiro paso do gran proxecto de SAIC Motor na comarca de Ferrolterra, coa cidade naval e As Pontes como epicentros da actividade industrial e loxística. “Este primeiro desembarco abre unha relación de colaboración mutua, que estou convencido de que se baseará na excelencia operativa e a vontade compartida de crecer xuntos”, incidiu Álvarez Vidal, quen agradeceu a confianza e o traballo do presidente da Xunta de Galicia para que esta iniciativa sexa unha realidade.
Ademais, encomiou o papel da conselleira de Economía e Industria e de todo o seu equipo na consecución deste logro, e o impulso desde o Goberno central para que Ferrol se converta en “un gran nodo loxístico” na profunda transformación que está a atravesar o sector da automoción a nivel internacional. E subliñou a fortaleza tanto do persoal da Autoridade Portuaria como da comunidade portuaria, cunha empresa como Pérez Torres á cabeza, para afrontar este reto.
A chegada do Anji Forever “confirma que estamos preparados para responder á expectativa dunha industria que evoluciona con rapidez e que aposta pola innovación”, resaltou Álvarez Vidal.