O presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao toma posesión do cargo apelando á cooperación para consolidar o desenvolvemento de Ferrolterra e A Mariña

Ferrol, 26 de xuño de 2026

José Antonio Álvarez Vidal (Ferrol, 1961) subliñou esta mañá que traballará desde a súa nova responsabilidade para facer realidade a oportunidade que se abre desde o porto para toda Galicia e España. Este é o compromiso que puxo de manifesto durante o acto da súa toma de posesión como novo presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao. Álvarez Vidal destacou a importancia da nova etapa que se abre para Ferrolterra e o norte de Galicia e apelou á prudencia e á cooperación para alcanzar o reto do novo hub industrial e loxístico da automoción. O novo presidente da Autoridade Portuaria insistiu en que o obxectivo é traballar por e para todos, facendo fincapé na relevancia dos operadores e da comunidade portuaria tanto en Ferrol como na Mariña.

Licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, e cun máster en Recursos Humanos na Universidade Pontificia de Comillas, José Antonio Álvarez chega á Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao despois de ocupar, desde 2023, a presidencia de Portos de Galicia. Superou unha oposición da Comisión das Comunidades Europeas ao comezo da súa carreira laboral e é funcionario do corpo superior da Administración públi-ca galega na que ocupou distintos postos desde 1985, o que lle outorga unha ampla experiencia de xestión. Entre outros cargos, foi secretario xeral da consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais entre 1993 e 1997, e director xeral de Xustiza e Administración Local da consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais ata o ano 2.000. Entre 2001 e o 2005 ocupou o cargo de secretario xeral da consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural. Desde 2009 ata o seu nomeamento como presidente de Portos de Galicia, en 2023, foi xefe territorial na Coruña das consellerías de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas; da consellería de Infraestruturas e Vivenda e da consellería de Infraestruturas e Mobilidade.

Esta mañá tomou posesión do seu cargo como presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao nun acto ao que asistiron, entre outros, a conselleira do Mar, Marta Villaverde, e a conselleira de Industria, María Jesús Lorenzana; o subdelegado do Gobierno na Coruña, Julio Abalde; o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, e a alcaldesa de Cervo, María Dolores García Caramés; o Almirante Xefe do Arsenal Militar de Ferrol, Vicente Rubio Bolívar, así como representantes de Portos do Estado, alén doutras autoridades civís e militares, representantes da comunidade portuaria e do mundo empresarial e social de Galicia.

Nas súas primeiras palabras como novo presidente, José Antonio Álvarez Vidal incidiu en que este é “o maior desafío” ao que se enfronta na súa dilatada traxectoria na Administración. “Son consciente da importancia deste momento”, apuntou, para despois recalcar que “será un camiño difícil”, pero non o percorrerá en solitario. Na Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao “hai un gran equipo e estes días xa puiden comprobar a súa valía”. Ademais, solicitou cooperación, unidade e traballo intenso para conseguir, por fin, esa oportunidade para que Ferrol se reinvente e na que “levamos tanto tempo traballando”. E destacou a importancia da coordinación das distintas administracións, Gobierno Central, Xunta de Galicia, deputacións e concellos.

Tamén tivo palabras de agradecemento para os seus predecesores no cargo e reiterou o compromiso de que traballará intensamente, “con paso firme e coa prudencia que requiren estes procesos traballo”. “O meu compromiso é o de facer realidade a oportunidade que se abre para o porto e que é unha oportunidade para Ferrol, para Galicia e para España”, concluíu Álvarez Vidal.

Pola súa banda, o subdelegado do Gobierno na Coruña, Julio Abalde, sinalou que “esta substitución é un símbolo do empuxe de todas as administracións para que Ferrol volva ter o impulso industrial que tivo no pasado”. “O porto -dixo- vai ter un papel transcendente non só no desenvolvemento empresarial da zona, senón na diversificación económica destas comarcas a través dese hub da automoción ligado a SAIC Motor”. O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, puxo en valor durante o acto a importancia da actividade portuaria no pasado, presente e futuro da cidade. “O porto -recalcou- está no corazón da cidade. Cando o porto latexa con forza, a cidade latexa con forza e optimismo”. E tamén enxalzou o valor do equipo do que dispón o organismo e a importancia das empresas que forman parte da comunidade portuaria.

Para rematar, a conselleira do Mar, Marta Villaverde, debuxou dúas grandes calidades de José Antonio Vidal, co que compartiu responsabilidades, sobre todo, na súa última etapa como presidente de Portos de Galicia: “Demostra a súa gran valía profesional en cada decisión que toma e a súa entrega en cada traballo non que participa”. E asegurou que ten a certeza de que deixará o seu sinal no novo cargo, grazas a “este proxecto estelar de Saic Motor e que vai supoñer tanto para Galicia como a cidade”.