FRANCISCO BAREA: “XUNTOS PODEMOS SER O MOTOR DO CAMBIO QUE FERROLTERRA E A MARIÑA NECESITAN”
Ferrol, 3 de decembro de 2021
“Xuntos podemos conseguir que falen de nós non pola enésima empresa que desaparece […] Xuntos podemos ser o motor do cambio que Ferrolterra e A Mariña necesitan”. Así se expresou o presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, Francisco Barea, esta mañá na inauguración da xornada O Porto, motor do cambio de Ferrolterra e A Mariña, que se está celebrando no CIS da Cabana.
O acto reúne a máis dun centenar de persoas vinculadas á comunidade portuaria. Ante elas, Barea pronunciou o seguinte discurso:
“Ferrolterra atravesa un momento especialmente crítico nun contexto de histórica dificultade. Non só sufrimos as consecuencias da pandemia como o resto do planeta. Aquí estamos pagando tamén as peaxes dunha transición enerxética abrupta e desordenada. Os nosos estaleiros e as súas empresas auxiliares adoecen de falta de ocupación. A ameaza cérnese sobre a industria electrointensiva. Pechan grandes fábricas como a de Siemens Gamesa. E as grandes infraestruturas comúns nunca terminan de chegar, por exemplo, o AVE.
O diagnóstico tampouco resulta alentador na Mariña. Por suposto facemos nosa a loita dos traballadores de Vestas e Alcoa, de tantos centos de familias, polo mantemento da actividade e o emprego en sectores estratéxicos para Galicia.
A situación, amigos, é inaceptable. Non podemos resignarnos a sortear as adversidades nunha crise que xa é demasiado longa. Ou, dito doutra maneira, necesitamos un cambio urxente e substancial. Un cambio, tédeo por certo, que ninguén vai vir catalizar por nós.
Diso imos falar aquí esta mañá. Da transformación social e económica que Ferrolterra e A Mariña han de emprender. E tamén de como o Porto pode exercer de motor dese cambio.
Porque, como non vai ser o Porto a locomotora desa transformación que anhelamos? Como non vai pasar a solución polos nosos peiraos se neles operan compañías que empregan directa e indirectamente a miles de persoas? O Porto no seu sentido máis amplo, a comunidade portuaria, os seus membros, constituímos a primeira empresa da zona e unha das principais de Galicia. Por iso albergamos a responsabilidade de liderar a recuperación, e por tanto de contribuír decisivamente a reverter esta involución constante.
En definitiva, deixemos de camiñar cara atrás e fagámolo cara adiante. Como? Colaborando, sen dúbida. Construíndo un verdadeiro ecosistema relacional multisectorial e público-privado, despregando unha acción conxunta ao servizo dos cidadáns. Só con ese esforzo compartido poderemos superarnos.
Afirmeino o día que tomei posesión como presidente da Autoridade Portuaria, fai algo menos de tres meses, e hoxe aquí reitéroo: a cooperación entre a esfera pública e a privada sempre foi fundamental para lograr o progreso, e vaino ser moito máis no mundo postpandemia. Todos os actores da comunidade portuaria, calquera das partes que estades implicadas no desenvolvemento deste Porto, atoparedes abertas as portas do meu despacho.
Xuntos podemos facer grandes cousas. Xuntos podemos conseguir que falen de nós non pola enésima empresa que desaparece, senón porque lideramos a eólica mariña, a reparación e a construción naval, o despregamento das novas fontes e vectores enerxéticos, os combustibles do futuro, a sustentabilidade, a dixitalización… Xuntos podemos ser o motor do cambio.
Conclúo: estamos no andén da crise e alá ao fondo asoma un tren de esperanza. Poida que sexa xa o último que pase. Subámonos a el. Subámonos ao Pacto de Estado por Ferrol, subámonos a unha transición realmente xusta, subámonos á oportunidade dos Next Gene- ration.
Sede todos benvidos a esta xornada, que é a vosa.
Moitas grazas.”