FRANCISCO BAREA TRASLADA UNHA MENSAXE DE “UNIDADE, COMPROMISO E OPORTUNIDADE” NA APERTURA DAS XORNADAS PORTO-EMPRESA
“Traballamos para dar ese impulso ao desenvolvemento económico e social que Ferrol e A Mariña nos demandan e, para iso, necesitamos a implicación de todos: institucións, administracións, empresas e sociedade”, destacou o presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao
Ferrol, 15 de decembro de 2022
Unha mensaxe de “unidade, compromiso e oportunidade” é o que transmitiu o presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao na inauguración das Xornadas Porto-Empresa Impulsando a industria do futuro que se celebran no CIS da Cabana. Un encontro que pretende analizar, durante dous días, o papel tractor que a colaboración entre o porto e as empresas exercen no novo contexto económico. Neste sentido, Francisco Barea fixo de novo un chamamento á colaboración entre a comunidade portuaria, o tecido empresarial, as administracións e a sociedade. Traballamos para dar ese impulso ao desenvolvemento económico e social que Ferrol e A Mariña nos demandan e, para iso necesitamos a implicación de todos (…) Se todos nos comprometemos, seguro que o conseguiremos”, destacou Barea.
O presidente da Autoridade Portuaria tamén resaltou as oportunidades que se abren no contexto actual e fixo fincapé no traballo realizado desde o organismo portuario en materias como a conectividade, a innovación ou as enerxías renovables, entre outras cuestións. A súa intervención abriu o encontro no que participan destacadas empresas e representantes da Xunta e Portos do Estado e que terán continuidade mañá, venres. O acto reune a ao redor de 200 persoas, vinculadas á comunidade portuaria e o tecido empresarial, ante as que Franisco Barea pronunciou o seguinte discurso:
“Grazas por aceptar a invitación para participar nestas xornadas nas que a Autoridade Portuaria que presido puxo todo o seu empeño co obxectivo de trasladar unha mensaxe de unidade, de compromiso e de oportunidade. A unidade pola que apostamos -escoitáronmo en reiteradas ocasións- para impulsar o desenvolvemento económico e social coa seguridade que dá o esforzo compartido. O compromiso que a Autoridade Portuaria ten con Ferrol, coa Mariña e con Galicia. A oportunidade que se abre no medio duns tempos convulsos que nos ofrecen a posibilidade de buscar novos rumbos que nos leven a ser, non espectadores, senón parte activa dunha nova realidade.
Son tempos de cambios. Xeopolíticos, económicos, sociais. E queremos, e debemos, ser unha parte activa deses cambios. O novo Marco Estratéxico de Portos do Estado fíxanos un rumbo no que levamos tempo traballando: o da innovación, a dixitalización, as enerxías renovables… Un camiño que ten como obxectivo responder, como porto de interese xeral, ao que en cada momento demanda a nosa área de influencia.
Desde a Autoridade Portuaria estamos a traballar para afrontar esa abrupta crise enerxética que nos afecta de maneira especial. Impulsando as enerxías renovables e converténdonos nese Faro da Enerxía Verde que nos permitirá incrementar de maneira notable a competitividade das empresas que operan nas nosas concesións.
Traballamos por diversificar novos tráficos que xeren valor engadido. Apostamos pola terminal de contedores de Yilport cunha nova liña que permite conectar Ferrol cos principais portos de mercadorías de todo o mundo, especialmente con China e Estados Unidos.
Impulsaremos as posibilidades loxísticas a través da liña de ferrocarril a Caneliñas, que afrontamos ata o de agora con fondos propios, e que estará en probas en 2024. Sen dúbida supoñerá un antes e un despois para o porto, as súas empresas e para todo o norte de Galicia.
Traballamos para dar ese apoio e impulso ao desenvolvemento económico e social que Ferrol e A Mariña nos demandan e, para iso, necesitamos a participación e a implicación de todos: institucións, administracións, empresas e sociedade.
Ese esforzo compartido quedará patente nestas xornadas Porto-Empresa. Dous días nos que comprobaremos o papel que os portos podemos xogar no novo contexto nacional e internacional, tanto desde o punto económico, como do ambiental e do social. Destacaremos o papel integrador do porto, a relación industria-cidade e o rol do porto como polo de desenvolvemento industrial. Coñeceremos o impacto das empresas asentadas no noso espazo portuario como motor económico, a súa importancia na cadea de valor da industria, o seu papel á hora de afrontar o reto da descarbonización, da transición ecolóxica e a súa aposta polas enerxías renovables. A enerxía do futuro.
E non quero esquecerme doutro aspecto, para nós, fundamental: a relación entre o porto e a cidade. Constitúe un dos nosos eixos de actuación. Neste caso reforzando o posicionamento de Ferrol como destino turístico. Intensificando para iso nosa presenza nas feiras sectoriais onde están as principais navieiras de cruceiros para atraer novas escalas.
A comunidade portuaria, concesionarias, empresarios e administracións como Portos do Estado e a Xunta de Galicia mostraremos ao longo deste encontro o potencial dese esforzo compartido para afrontar as novas posibilidades que se abren ante nós. A colaboración público-privada sempre foi fundamental para lograr o progreso, e o será moito máis agora. Necesitamos construír un verdadeiro ecosistema multisectorial despregando unha acción conxunta ao servizo dos cidadáns. Se todos nos comprometemos, seguro que o conseguiremos.
Gustaríame acabar a miña intervención cunha frase de Henry Ford que creo que reflicte ese esforzo compartido ao que me estou referindo: “Chegar xuntos é o principio. Manterse xuntos é o progreso. Traballar xuntos é o éxito”. Moitas grazas de novo a todos pola súa presenza. Espero que deste encontro saiamos con ilusións renovadas para percorrer xuntos o novo camiño cara a un futuro de novas oportunidades”.