FRANCISCO BAREA: “NO PORTO SEMPRE ATOPARÁN UNHA CONTORNA FAVORABLE AQUELES PROXECTOS QUE CONTRIBÚAN AO DESENVOLVEMENTO SOCIAL E ECONÓMICO DE GALICIA”
“A Autoridade Portuaria traballa para reforzar o seu papel de catalizador dun gran polo industrial que permita xerar valor engadido, emprego de calidade e benestar social”, destacou o presidente da APFSC no peche das Xornadas Porto-Empresa
Ferrol, 16 de decembro de 2022
“No porto atoparán sempre unha contorna favorable aqueles proxectos que contribúan ao desenvolvemento social e económico de Galicia. Proxectos, iso si, reais e serios, como os que desenvolven as empresas que operan no porto e que o converten nun punto estratéxico nun momento de especial dificultade”. Con este compromiso pechaba o presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, Francisco Barea, a segunda edición das Xornadas Porto-Empresa. Impulsando a industria do futuro.
Barea quixo destacar na súa intervención, o futuro que ten por diante as comarcas de Ferrolterra e A Mariña e comprometeu o traballo do organismo que preside para reforzar “o seu papel de catalizador dun gran polo industrial que permita xerar valor engadido, emprego de calidade e benestar social”. Un compromiso que reafirmou durante a súa intervención na última xornada do encontro ao que asistiron ao redor de 200 representantes do tecido empresarial e aos que Francisco Barea se dirixiu coas seguintes palabras:
“Quero empezar o meu discurso cunha mensaxe de optimismo. A mensaxe de que temos futuro. Un gran futuro por diante nunha terra de oportunidades que debemos aproveitar. Vímolo ao longo destes dous días, porque as xornadas Porto- Empresa deixaron patente que hai proxectos, talento e recursos para, entre todos, facer que Ferrolterra, A Mariña e todo o norte de Galicia saian reforzados nestes tempos de incerteza. Contamos coas ferramentas. Colaboremos, compartamos esforzos, lideremos accións reais e viables, que as hai como vimos, para impulsar o desenvolvemento económico e social que tanto necesitamos.
Para a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao o reto non é novo. A historia de Ferrolterra non se entende sen o porto, e o seu futuro tampouco. Os grandes acontecementos tiveron e teñen que ver coa actividade portuaria, a partir da cal xa demostramos que somos capaces de levantarnos. Que somos capaces de renovarnos, de afrontar transformacións e de adaptarnos aos cambios que cada situación esixe. E volveremos facelo. Ese é o noso compromiso.
Non son tempos fáciles. Nin en Ferrol, nin na Mariña, onde a abrupta crise enerxética golpeou de maneira especial. E ante isto nin podemos nin queremos poñernos de perfil.
A Autoridade Portuaria traballa para reforzar o seu papel de catalizador dun gran polo industrial que permita xerar valor engadido, emprego de calidade e benestar social. Demostramos que somos capaces de adiantarnos aos cambios que cada momento esixe. E neste caso son moitos. Por iso toda a comunidade portuaria estivemos traballando para afrontar o novo contexto ao que nos enfrontamos coas máximas garantías e coa base do esforzo compartido.
O camiño que iniciamos ten xa os seus primeiros resultados coa implantación de novas empresas. Unha delas é a incorporación da navieira Cosco Shipping, para comezar a operar no porto de Ferrol atraída pola nova liña de contedores na terminal de Yilport. Ou a próxima implantación de Nervión Naval Off-Shore, en terreos do porto exterior, cunha planta de última generación para a ensamblaxe de estruturas de eólica mariña que ocupará unha superficie de 70.000 metros cadrados e xerará uns 300 postos de traballo.
Isto son só algúns exemplos de novas empresas que apostan por implantarse no norte de Galicia, e que atopan no ámbito portuario o apoio e o espazo que necesitan. Un chan industrial imprescindible se queremos traer novos investimentos e do que Ferrol tanto adoece.
Asumimos así funcións que van máis aló das nosas competencias. A función de suplir a carencia de chan empresarial que foi e, lamentablemente segue sendo, un dos grandes freos da cidade. Unha carencia que urxe solucionar se non queremos ver como se nos escapan as oportunidades. Se as empresas carecen dun lugar no que implantarse, como pretendemos atraer novas iniciativas que contribúan ao desenvolvemento de Ferrolterra?
No porto atoparán sempre unha contorna favorable aqueles proxectos que contribúan ao desenvolvemento social e económico de Galicia. Proxectos, iso si, reais e serios, como os que desenvolven as empresas que operan no porto e que o converten nun punto estratéxico nun momento de especial dificultade.
Temos iniciativas reais e viables como o Faro da Enerxía Verde, impulsado pola Autoridade Portuaria. Este proxecto implica un investimento duns 35 millóns de euros en cinco anos e foi preseleccionado pola Xunta de Galicia para optar ao Fondo de Transición Xusta. Isto vainos posicionar, sen dúbida, como un vector da descarbonización da economía e nos permitirá incrementar de maneira notable a competitividade das empresas que operan nas nosas concesións.
Contamos cunha planta de GNL que se evidenciou como fundamental nestes momentos de crise enerxética. Reganosa, en paralelo, aposta por desenvolver novos proxectos de enerxía verde que crearán emprego de calidade na nosa contorna.
Convertémonos en referentes en eólica mariña coa alianza de Windar e Navantia, que, unido á próxima implantación de Nervión, demostra como a colaboración nos leva a alcanzar grandes éxitos a nivel internacional nun sector estratéxico para a enerxía do futuro.
Ou a planta de metanol de Forestal do Atlántico, declarada pola Xunta como Proxecto Industrial Estratéxico, que mobilizará un investimento superior aos 170 millóns de euros e a creación de case medio centenar de postos de traballo e xerará gran valor engadido, ademais de servir de tractor industrial en Galicia.
A implantación da fábrica de pneumáticos de Sentury nas Pontes, tras o seu acordo con Endesa, multiplicará os tráficos da terminal de contedores e Caneliñas reforzarase como un polo de importación e exportación de mercadorías entre Europa, América e o resto do mundo.
Non son anuncios baleiros. Trátase de proxectos tractores viables e reais, onde sempre atoparán a esta Autoridade Portuaria e que serán un punto de partida para que aparezan novas oportunidades de negocio. Porque iso é o que necesitan as comarcas da Mariña e Ferrolterra, proxectos serios e non especulacións ou impactantes titulares cos que se pretende saldar o esquecemento ao que Ferrol se viu sometido por quen agora trata de xerar expectativas sen achegar nada concreto. Non necesitamos fume, nin promesas que quedan no aire, Ferrol necesita compromisos. O norte de Galicia necesita compromisos.
O desenvolvemento económico e social está en xogo e non pode basearse en comparecencias mediáticas de cuxo contido ninguén parece saber nada unha vez que se publican. Apostemos por aquelas iniciativas viables, que temos en marcha e que necesitan dunha tramitación áxil dos fondos europeos, así como do compromiso de todos. Que a ninguén lle caiba dúbida de que pelexaremos por todos os proxectos serios que poidamos, dando todas as facilidades, aínda aquelas que non nos corresponde en principio a nós satisfacer, para ser o catalizador social e económico dese cambio que Ferrol tanto necesita.
Seguimos coa man tendida a todos aqueles que queiran sumarse a este reto. O veño repetindo dende que asumín a presidencia da Autoridade Portuaria, e reitereino na apertura destas xornadas: traballemos xuntos, colaboremos as entidades públicas e privadas para converternos no motor que Ferrol e A Mariña necesitan. O esforzo compartido levaranos a logros que serán os de todos.
Temos futuro. Aproveitémolo”.