FRANCISCO BAREA MÁRCASE O OBXECTIVO DE “CONVERTER O PORTO DE FERROL NO FARO DA ENERXÍA VERDE”
Reclama unha transición ordenada e xusta, reivindica o dereito da comarca para liderar o desenvolvemento da eólica mariña e aplaude o proxecto de Nervión para facer na dársena exterior unha planta de ensamblaxe de estruturas offshore
Ferrol, 3 de xuño de 2022
“Converternos en referentes do que está por vir, converter o porto de Ferrol no faro da enerxía verde”. Esa meta marcouse o presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, Francisco Barea, este mediodía na dársena exterior de Caneliñas. Alí tivo lugar a presentación do proxecto de planta de ensamblaxe de estruturas eólicas mariñas que Nervión Naval- Offshore promove no lugar. Presidido polo vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia, Francisco Conde, no acto interveu tamén o director xeral da citada compañía, Roberto Bouzas.
Durante o seu discurso, Barea referiuse a unha iniciativa que pretende “poñer en valor unha superficie de 70.000 metros cadrados, investir ao redor de 25 millóns de euros, crear máis de 300 novos empregos, xerar sinerxias locais e establecer conexións nacionais e internacionais”. “En definitiva, trátase de aproveitar unha das grandes oportunidades que nos brinda o desenvolvemento da transición enerxética”, abundou, para logo reclamar que dita transición sexa “xusta, ordenada e inclusiva”, de modo que non prexudique máis a “unha comarca xa longamente castigada”.
De feito, Barea reivindicou para Ferrolterra o dereito para liderar o desenvolvemento da eólica mariña. Así, argumentou: “Queremos ser o gran hub de referencia da eólica offshore, por que non? É de xustiza. Pero é que é de pura lóxica tamén. Este porto creceu historicamente vinculado á enerxía e á construción naval. Como non vai abanderar agora a implementación das novas formas de enerxía e a execución das novas construcións mariñas?”.
Barea concluíu a súa intervención defendendo a colaboración público-privada como mellor fórmula para acelerar o crecemento, así como poñendo a Autoridade Portuaria ao servizo “da transformación económica e social que esta cidade necesita”. “Considero crucial -apostilou- a cooperación entre institucións para afrontar os retos no horizonte, que son moitos e diversos. Por iso non dubidamos un segundo á hora de sumarnos ao Pacto de Estado por Ferrol promovido pola Xunta de Galicia, e por iso esperamos tamén que todos os que queiran a Ferrol dean ese mesmo paso”.