O novo presidente da Autoridade Portuaria toma posesión do cargo

Ferrol, 17 de setembro de 2021

“Ferrol vive momentos difíciles e o Porto debe representar unha oportunidade de emprego”. Iso proclamou Francisco Barea Paz esta mañá na súa toma de posesión como novo presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao. Enxeñeiro de camiños, canles e portos, Barea era ata hai dúas semanas o director xeral do Instituto de Estudos do Territorio, organismo pertencente á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia. Anteriormente desenvolvera a súa carreira profesional en diferentes postos de xestión da empresa privada, tanto na dirección e supervisión de estudos e proxectos de estradas, obras hidráulicas e urbanizacións como na dirección e supervisión de servizos de dirección de obra civil.

Ao acto acudiron, entre outros, a conselleira do Mar, Rosa Quintana; os alcaldes de Ferrol e Cervo, Ángel Mato e Alfonso Villares, respectivamente; a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas; o vicepresidente do Parlamento de Galicia, Diego Calvo; a vicerreitora do Campus de Ferrol da Universidade da Coruña, María Jesús Movilla; o almirante xefe do Arsenal, Ignacio Froitos; o xeneral comandante da Forza de Protección da Armada, Carlos Pérez- Urruti; o comisario da Policía Nacional de Ferrol-Narón, Carlos Soria; os parlamentarios de Ferrol Miguel Tellado e José Manuel Rey Varela; o capitán marítimo, Jorge Cao; e José Manuel Vilariño, expresidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao.

Na cerimonia desta mañá, Barea Paz pronunciou o seguinte discurso:

“Aos enxeñeiros encántannos as pontes. Gústanos unir, comunicar, achegar cousas. Da maneira que sexa, cunha ponte de calquera tipoloxía. O caso é salvar distancias e obstáculos. Axudar ao desenvolvemento da comunidade, en definitiva.

Como enxeñeiro que son, eu quero empezar hoxe aquí a tender varias pontes. Iso é o que me propoño.

Quero tender pontes entre o pasado e o futuro. Esta Autoridade Portuaria acaba de cumprir 111 anos. Foi a finais de agosto de 1910 cando se constituíu por real decreto a Xunta de Obras do Porto de Ferrol e comezaron a concibirse espazos como este de Curuxeiras sobre o que agora mesmo nos atopamos. Desde entón, moitos pasaron polo cargo que agora ocupo. Vou recoller o legado de todos os meus antecesores no posto, aos que agradezo o seu labor, e proxectalo cara ao mañá para encarar os retos que esta institución afronta.

Tamén quero tender pontes entre o público e o privado. A colaboración entre ambas as esferas sempre foi fundamental para lograr o progreso, e vaino a ser moito máis no mundo postpandemia, como acaba de sinalar a Comisión Europea ao fixar a folla de roteiro da recuperación económica. Todos os actores da comunidade portuaria, calquera das partes que estades implicadas no desenvolvemento deste porto, atoparedes abertas as portas do meu despacho. E isto non é algo que alguén me recomendou ou que eu lese nun manual, non; é algo no que creo firmemente porque teño experiencia de xestión nos dous ámbitos. Agora veño de dirixir para a Xunta o Instituto de Estudos do Territorio, pero toda a miña traxectoria profesional anterior desenvolvéraa na empresa privada.

Ademais, quero tender pontes entre o porto e a cidade. Este Porto é un dos principais motores socioeconómicos desta cidade. É a porta de entrada máis importante a Ferrol, así o foi durante séculos e así debe seguir séndoo. Considero fundamental profundar nas relacións desta institución co Concello, coa Universidade, coa Armada, con Navantia… Tanto a Administración coa empresa como as distintas Administracións entre si han de dialogar e despregar unha acción conxunta ao servizo dos cidadáns. Só con ese esforzo compartido poderemos iniciar a transformación económica e social que Ferrol precisa. Ferrol vive momentos difíciles e o Porto debe representar unha oportunidade de emprego, que é a principal preocupación á que responde a proposta do presidente Feijoo de Pacto de Estado por Ferrol.

E quero tender canto antes unha última ponte, esta física, non virtual: unha entre A Graña e os peiraos interiores. Ese viaduto, xunto coa finalización do túnel, é o que nos permitirá concluír o acceso ferroviario a Caneliñas. Será o meu empeño axilizar os traballos ao máximo porque necesitamos que o tren empece a circular mellor hoxe que mañá. É a chave para favorecer a ampliación da terminal de contedores e para profundar nesa diversificación de tráficos que tanto necesitamos. Traballarei sen descanso para recuperar, na medida do posible, parte do tempo perdido e para solucionar de inmediato os problemas dos veciños afectados polos traballos.

Asumo o cargo tamén con outras moitas ilusións. Entre elas, completar a reordenación dos usos portuarios, recuperar tráficos, renovar a fachada marítima, comezar a rehabilitación de Comandancia, devolver a normalidade aos nosos procesos e servizos, velar en tan crítico momento polo futuro da Mariña á que tanto nos debemos, visibilizar a transcendencia da actividade portuaria no desenvolvemento do novo Ferrol, atraer novos operadores e liñas, captar proxectos que encaixen no programa Next Generation, potenciar o I+D+i e as políticas de sustentabilidade… E tantos outros obxectivos.

Vou concluíndo: moitas grazas, conselleira. De verdade agradezo profundamente a confianza que o presidente Feijoo, ti e o teu equipo depositastes en min encomendándome este labor. Espero correspondervos con todas as miñas capacidades, todo o meu esforzo e toda a miña responsabilidade traballando cada día por e para Ferrol e A Mariña.

Nada máis, moitas grazas”.