FORTE RECUPERACIÓN DE ESCALAS DE CRUCEIROS NO PORTO DE FERROL PARA O PRÓXIMO ANO
A Autoridade Portuaria xa pechou 17 atracadas de buques de pasaxeiros o que garante a chegada de máis de 25.000 visitantes á urbe naval
Ferrol, 30 de decembro de 2021
Despois de que o Porto de Ferrol recuperase as escalas de cruceiros o pasado 14 de setembro coa chegada do Artania, a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao logrou pechar xa 17 escalas para o próximo exercicio, o que supoñería recibir a máis de 25.000 visitantes —se se chegasen a completar todas as escalas e as medidas contra a Covid permiten aos barcos operar ao máximo da súa capacidade—, uns niveis similares aos que se consolidaron antes da pandemia.
Ata nove oito compañías incluíron a cidade naval nos seus roteiros: Hurtigruten, MSC Cruises, ResidentSea, TUI Cruises, Fred Olsen, Seabourn, Windstar e Silversea Cruises. A nova tempada de cruceiros en Ferrol, tal e como se reflicte no gráfico da páxina seguinte, abrirase en abril coa atracada do Fridtjof Nansen, un buque de 143 metros de eslora e capacidade de aloxar a 528 persoas, e pecharase o 10 de outubro coa chegada do Bolette. En total, segundo esta previsión inicial, serán 12 buques de pasaxe os que se deteñan en Curuxeiras, algúns deles repetirán escala.
Entre eles destaca o MSC Poesia con tres datas previstas. Penetrarase entre castelos por primeira vez o 7 de maio e volverá o19 e 26 de setembro, cando concluirá o seu paso por Ferrol en 2021. O Seabourn Quest, o Star Legend e o Crystal Symphony visitarán o porto en dúas ocasións durante o próximo exercicio. O primeiro farao o 30 de abril e 28 de xullo; o segundo, o 17 de maio e o 26 de agosto; e o terceiro, o 9 de xuño e o 9 de xullo.
Como datos curiosos, os barcos máis grandes serán o MSC Virtuosa e o MSC Grandiosa, que teñen 331 metros de eslora e unha capacidade máxima para 6.344 pasaxeiros. O primeiro ten previsto a atracada para o 26 de abril e o segundo para o 15 de setembro. Ademais, o 2 de xuño chegará The World, un barco-residencia, con capacidade para 250 persoas de alto poder adquisitivo e que se pasan o ano viaxando polo mundo nun cruceiro equipado cos máximos estándares de comodidade. Prolongará a súa escala en Ferrol ata o día 4.