FERROL REÚNE A REPRESENTANTES DE TODO O SISTEMA PORTUARIO NAS VI XORNADAS DE XESTIÓN DOCUMENTAL E ARQUIVOS PORTUARIOS
O encontro, organizado pola Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao e Puertos del Estado, celébrase o 21 e 22 de setembro na Sala Curuxeiras
Baixo o título “Transformación dixital e innovación”, os participantes analizarán a importancia da implantación da administración electrónica e as novas tecnoloxías, así como as vantaxes e os retos de futuro
Ferrol, 20 de setembro de 2023
Ferrol convértese durante dous días no centro de debate do sistema portuario español ao acoller as VI Xornadas Técnicas de Xestión Documental e Arquivos Portuarios que reunirá a representantes dos distintos portos de interese xeral de toda España. O encontro, que está organizado nesta ocasión pola Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao e Puertos del Estado, celebrarase o 21 e 22 de setembro na Sala Curuxeiras.
Durante dous días, e baixo o título de “Transformación dixital e innovación”, as xornadas pretenden poñer de manifesto a importancia de adaptar todos os procesos ás esixencias da administración electrónica e as novas tecnoloxías, ademais de poñer en valor o coidado do gran patrimonio documental que custodian os arquivos portuarios.
No encontro participan representantes de Portos do Estado, 22 autoridades portuarias e empresas de arquivo e administración electrónica. Ademais, intervirán como relatores responsables do Arquivo Histórico Nacional, o Arquivo do Reino de Galicia e o Arquivo do Gobierno Vasco que trasladarán a súa experiencia na xestión do seu patrimonio documental e a adaptación aos novos tempos. Trátase así de intercambiar experiencias co obxectivo de coordinar e facilitar a implantación de solucións innovadoras para os arquivos electrónicos e implantar unha analítica de datos eficaz.
As VI Xornadas Técnicas de Xestión Documental e Arquivos Portuarios inauguraranse mañá xoves, 21 de setembro, ás 9:30 horas na Sala Curuxeiras do porto de Ferrol. No acto de apertura participarán o presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, Francisco Barea; o secretario xeral de Puertos del Estado, Álvaro Sánchez Manzanares, e o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela.