Con escala semanal en Canarias, operaraa a navieira Containerships.

 O novo servizo súmase ás dúas rutas de mercadorías que xa ofrecen conexións con Róterdam, Tilbury, Alemaña, Dinamarca, Finlandia, Polonia, Suecia, Noruega, Rusia e os países bálticos.

 A industria galega poderá comprar e vender a máis mercados desde a terminal de Yilport en Caneliñas, a de maior calado da costa atlántica sureuropea.

 

Ferrol, 18 de novembro de 2020

Ferrol estrea a súa terceira liña regular de portacontedores. Desde agora, esta ruta unirá semanalmente o norte de Galicia con Las Palmas de Gran Canaria, os xoves, e Santa Cruz de Tenerife, os venres. As saídas desde a cidade naval serán os luns.

Este servizo xestionado por Containerships súmase aos dous operativos, da mesma navieira, que xa ofrecen conexións con Inglaterra (Liverpool, Bristol e Tilbury), Escocia (Greenock), Irlanda (Dublín), Países Baixos (Róterdam), Alemaña, Dinamarca, Finlandia, Polonia, Suecia, Noruega, Rusia e os países bálticos.

A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao avanza así na súa estratexia de diversificación e captación de tráficos de alto valor engadido. Unha das súas apostas pivota sobre a terminal que Yilport Ferrol explota en réxime de concesión, que é a de maior calado da costa atlántica sureuropea.

Esta nova liña de mercadoría contenerizada na dársena de Caneliñas permitirá á industria galega comprar e vender a máis mercados reducindo custos e tempos. O tecido produtivo accede a máis solucións loxísticas e de transporte, con tempos de tránsitos axustados e fiables, que facilitan a redución de emisións e o equilibrio co medio ambiente.

Pertencente ao megagrupo CMA-CGM, desde a súa implantación en Ferrol, en xuño de 2018, Containerships (antes MacAndrews) moveu case 20.000 TEUs cargados con 208.646 toneladas, nun tránsito que non fixo máis que crecer sostenidamente desde o seu arranque. Este ano, a pesar da crise do coronavirus, está a aumentar un 26,2 %, segundo datos provisionais do período xaneiro-outubro.

“Sempre é agradable poder ofrecer á industria un incremento da súa competitividade a través das nosas instalacións. Agradecemos tamén tanto a Containerships como a Yilport que redobrasen a súa aposta por Ferrol con esta nova ruta, que é a terceira regular”, valorou o presidente da Autoridade Portuaria, José Manuel Vilariño.