“Esta é a miña casa, onde remata ou mar”, de Ainara Permuy, gana a sexta edición do concurso de fotografía “Porto e cidade”
O segundo e o terceiro galardón do certame convocado pola Autoridade Portuaria recaeron en “Guindastres, unha paisaxe urbana” e “A ansiedade vaise onde as mans deteñen o tempo”
Os premios entregaranse o 5 de maio na Sala Curuxeiras que acollerá unha exposición coas 78 imaxes presentadas
Ferrol, 16 de maio de 2026
A sexta edición do concurso de fotografía “Porto e cidade”, organizado pola Autoridade Portuaria, xa ten imaxes gañadoras. A moza de 12 anos Ainara Permuy Marta logrou o primeiro premio deste ano coa fotografía “Esta é a miña casa, onde remata ou mar”. O xurado seleccionouna como a máis salientable das 78 que se presentaron e que converteron esta edición na máis concorrida ata o momento. Unha circunstancia que reafirma a importancia desta actividade pola que a Autoridade Portuaria seguirá apostando.
O segundo premio recaeu en “Guindastres, unha paisaxe urbana”, de Ricardo Fuentes Hedo, de 15 anos, mentres que o terceiro galardón é para “A ansiedade vaise onde as mans deteñen o tempo”, de Gabriel Sánchez Otero, de 12 anos. As tres persoas gañadoras do certame recibirán os seus premios nun acto que se celebrará o 5 de maio, ás 17.30 horas, na Sala Curuxeiras. Coincidindo coa entrega de premios inaugurarase tamén unha exposición na que se poderán contemplar as 78 fotografías presentadas ao concurso e que transmiten a visión que os máis novos teñen das instalacións portuarias e da súa actividade. A mostra estará aberta ao público ata o 12 de maio en horario de 11.30 a 13.00 horas e de 17.30 a 19.30 horas.
As imaxes, todas elas orixinais, foron realizadas por persoas de entre 12 e 18 anos que puxeron o foco nas temáticas relacionadas co mar, as instalacións e as actividades que se levan a cabo no peirao de Curuxeiras.