Corenta xóvenes poderán participar na VII Xornada de Pesca Infantil que organiza a Autoridade Portuaria no porto de Ferrol
O prazo para inscribirse estará aberto do 13 ao 20 de xuño, ambos inclusive, a través da páxina web da APFSC
A actividade desenvolverase o 28 de xuño no espigón exterior do porto e está dirixida a nenos e nenas de entre 7 e 13 anos
Ferrol, 12 de xuño de 2025
A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao abre este venres, 13 de xuño, o prazo de inscrición para participar nunha das actividades que esperta máis interese entre o público novo. Trátase da Xornada de Pesca Infantil que alcanza xa a súa sétima edición. Celebrarase o 28 de xuño no espigón exterior do porto interior de Ferrol, en Curuxeiras, e contará coa colaboración da Sociedade de Pesca Riomar Ferrol. A xornada desenvolverase entre as 9:30 e as 13:00 horas e nela poderán participar nenos e nenas de entre 7 e 13 anos.
A actividade, de carácter gratuíto, ten un límite de prazas de 40 participantes que deberán anotarse previamente. O prazo para inscribirse estará aberto entre o 13 e o 20 de xuño, ambos inclusive.
Tanto o programa da xornada como o formulario de inscrición están dispoñibles na páxina de web da APFSC, www.apfsc.com. Os interesados en participar deberán descargar o formulario e remitilo, unha vez cumprimentado, ao correo electrónico puertoyciudad@apfsc.es.
As persoas participantes deben acudir acompañadas dun adulto e levar o seu propio equipo de pesca. Estarán guiados durante a xornada por monitores de Riomar Ferrol que se encargarán de ensinarlles as nocións básicas para iniciarse nesta actividade.