O prazo para inscribirse estará aberto desde hoxe luns e ata o 10 de setembro a través da páxina web da APFSC e darase prioridade ás persoas que non participasen na edición anterior

 

A actividade, que se desenvolverá o 28 de setembro no espigón exterior do porto interior de Ferrol, está dirixida a nenos e nenas de entre 7 e 13 anos

 

A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao abre hoxe luns, 2 de setembro, o prazo de inscrición para participar nunha das actividades que esperta máis interese entre o público novo. Trátase da Xornada de Pesca Infantil que alcanza xa a súa sexta edición. Celebrarase o 28 de setembro no espigón exterior do porto interior de Ferrol, en Curuxeiras, e contará coa colaboración da Sociedade de Pesca Riomar Ferrol. A xornada desenvolverase entre as 9:30 e as 13:30 horas e nela poderán participar nenos e nenas de entre 7 e 13 anos.

 

A actividade, de carácter gratuíto, ten un límite de prazas de 40 participantes que deberán anotarse previamente. Darase preferencia ás persoas que non participasen na edición anterior, co obxectivo de abrir así a actividade ao maior número de nenos e nenas. O prazo para inscribirse estará aberto entre o 2 e o 10 de setembro, ambos inclusive.

 

Tanto o programa da xornada como o formulario de inscrición están dispoñibles na páxina de web da APFSC, www.apfsc.com. Os interesados en participar deberán descargar o formulario e remitilo, unha vez cumprimentado, ao correo electrónico puertoyciudad@apfsc.es.

 

As persoas participantes deben acudir acompañadas dun adulto e levar o seu propio equipo de pesca. Estarán guiados durante a xornada por monitores de Riomar Ferrol que se encargarán de ensinarlles as nocións básicas para iniciarse nesta actividade.