O prazo de inscrición estará aberto do 8 ao 15 de setembro, ambos incluídos, a través da páxina web da APFSC
A actividade desenvolverase o 27 de setembro no espigón exterior do porto e está dirixida a nenos e nenas de entre 7 e 13 anos

A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao abre o 8 de setembro o prazo de inscrición para participar nunha das actividades que esperta máis interese entre o público novo. Trátase da Xornada de Pesca Infantil, que acada xa a súa oitava edición. Celebrarase o 27 de setembro no espigón exterior do porto interior de Ferrol, en Curuxeiras, e contará coa colaboración da Sociedade de Pesca Riomar Ferrol. A xornada desenvolverase entre as 9:30 e as 13:00 horas e nela poderán participar nenos e nenas de entre 7 e 13 anos.

A actividade, de carácter gratuíto, ten un límite de 40 prazas, que deberán reservarse previamente. O prazo para inscribirse estará aberto entre o 8 e o 15 de setembro, ambos incluídos.

Tanto o programa da xornada como o formulario de inscrición están dispoñibles na páxina web da APFSC, www.apfsc.com. As persoas interesadas en participar deberán descargar o formulario e remitilo, unha vez cuberto, ao correo electrónico puertoyciudad@apfsc.es.

As persoas participantes deberán acudir acompañadas dun adulto e levar o seu propio equipo de pesca. Estarán guiadas durante a xornada por monitores de Riomar Ferrol, que se encargarán de ensinarlles as nocións básicas para iniciarse nesta actividade.