A Autoridade Portuaria anima a todos os ferroláns de entre 12 e 17 anos a tomar imaxes de temática relacionada co mar, as instalacións e as actividades realizadas no peirao de Curuxeiras 

Os participantes teñen de prazo ata o día 22 deste mes para enviar os seus traballos ao xurado por correo electrónico 

As mellores instantáneas integrarán unha exposición especial e tres delas serán premiadas con cámaras de impresión ao momento

A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao convoca o segundo concurso de fotografía infantil e xuvenil Porto e Cidade. Terá dereito a participar nel calquera persoa de entre 12 e 17 anos, ambas as idades inclusive.

Os interesados en concursar poderán facelo con imaxes tomadas desde hoxe ata o 22 de abril, día este último en que tamén finaliza o prazo de recepción dos traballos. As instantáneas, en formato dixital, deberán ser inéditas e a súa temática estará directamente relacionada co mar, as instalacións e as actividades realizadas no ferrolán peirao de Curuxeiras.

As fotografías -soamente una por aspirante- teñen que ser enviadas á conta de correo electrónico puertoyciudad@apfsc.es, indicando un título ou lema, o nome e apelidos do autor, a súa idade e un número de teléfono de contacto.

As mellores imaxes integrarán unha mostra especial que acollerá a sala de exposicións do porto, e tres delas serán premiadas con cámaras de impresión instantánea.

O xurado estará composto por dous representantes da Autoridade Portuaria e un da fotografía profesional. As bases do concurso poden consultarse na web www.apfsc.com.