Medio centenar maquetas realizadas de forma artesanal reproducen, con todo detalle, inmobles singulares como o Concello ou o Casino

A exposición poderá visitarse do 3 ao 9 de febreiro en horario de 11:00 a 13:00 e de 17:00 a 20:00 horas

Ferrol, 1 de febreiro de 2025

Percorrer a cidade de Ferrol e gozar das súas emblemáticas fachadas sen saír dun mesmo espazo será posible durante uns días. Carlos Macías fai esta proposta a través das maquetas coas que, de forma artesanal, recrea os edificios máis emblemáticos de Ferrol. O vindeiro luns, 3 de febreiro, leva parte das súas obras á Sala Curuxeiras onde poderán contemplarse ata o día 9.

“Maquetas de edificios emblemáticos de Ferrol” mostrará ao redor de medio centenar de pezas, só unha parte de toda a obra que foi acumulando desde que, ao xubilarse, descubriu esta afección que se converteu na súa paixón. Faros, algún barco e, sobre todo, edificios modernistas asinados por Rodolfo Ucha e fachadas emblemáticas da cidade protagonizan unha exposición que nos permitirá descubrir os pequenos detalles de cada un destes in- mobles. Porque Carlos Macías dedica horas e horas a cada maqueta. O coidado que pon en cada peza reflíctese no resultado final que sorprende pola súa minuciosidade. Quizais por iso non é capaz de decantarse por unha á que lle teña un agarimo especial. Para el “cada unha é como un fillo”.

Na Sala Curuxeiras estarán reunidos os máis emblemáticos. Veremos, por exemplo, a maqueta do edificio do Concello. É a que lle levou máis horas de traballo, pola complexidade e pola súa dimensión. O Casino ocupa tamén un lugar importante na mostra xa que a maqueta conta con todo tipo de detalles na parte do acuario: mobles, lámpadas, as paredes de papel pintado… Pero se hai unha peza que é “especial” é a casa de bonecas que lle pediu a súa filla Marta. Unha casa de bonecas de grandes dimensións e con dúas fachadas que se abren. Unha delas recrea a do hotel Ideal Roof e a outra a dun edificio da Madalena. Dúas fachadas que a ela gústanlle especialmente e que, ao abrirse, mostran o interior da casa de bonecas cos seus mobles, alfombras, apliques e todo tipo de aveños realizados tamén a man por Carlos Macías.

A base para realizar cada unha das maquetas continúa sendo o material reciclado, desde os plásticos dos paquetes de agasallo cos que fai os detalles, ata pintura, puntillas vellas que atopa por casa… A todo sácalle utilidade e transfórmao en pequenas obras de arte coas que recrea a cidade de Ferrol.

A exposición “Maquetas de edificios emblemáticos de Ferrol” ábrese ao público o luns, día 3, na Sala Curuxeiras e poderá visitarse ata o 9 de febreiro. O horario será de 11:00 a 13:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas.