AS VESPAS LEVAN OS SEUS SETENTA ANOS DE HISTORIA EN FERROL Á SALA CURUXEIRAS
A exposición, organizada polo Club Vespa Ferrol coa colaboración da Autoridade Portuaria, poderase visitar do 14 ao 21 de maio
A exposición reunirá 30 modelos que mostrarán a evolución do icónico vehículo desde 1953 ata os nosos días
Ferrol, 13 de maio de 2024
É moito máis que un vehículo, é un modo de vida. Así expresan desde o Club Vespa Ferrol a súa paixón por un vehículo que se converteu en icónico e que agora terá a súa propia exposición na Sala Curuxeiras. Do 14 ao 21 de maio poderase visitar “A Vespa en Ferrol”. Unha mostra que reúne 30 modelos distintos e que permitirá así facer un percorrido pola súa historia. Alí estarán desde a máis antiga, de 1953, ata a máis actual de 2022. Estarán ordenadas cronolóxicamente e cunha lenda que identifica o modelo e os seus principais características.
O obxectivo é facer un percorrido, a través de cada modelo, pola historia da Vespa. Un dos poucos vehículos que nos seus máis de setenta anos de historia nunca deixou de fabricarse. A exposición permitirá ver a súa evolución técnica e estética sen perder os trazos que a fan única. Todos os modelos que estarán na Sala Curuxeiras pertencen a socios do Club Vespa Ferrol que organiza esta exposición coa colaboración da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao.
A mostra complementarase cunha proxección que pretende lembrar tamén as orixes e a evolución deste club que xurdía por primeira vez en Ferrol nos anos sesenta e que, tras un tempo de inactividade, reactivouse en 2017 polo empeño de tres afeccionados. Hoxe son 75 socios. Eles lograron reunir imaxes, vídeos e documentación do club orixinal e agora queren dalo a coñecer a todos aqueles que se acheguen ata a exposición.
“A Vespa en Ferrol” pode visitarse do 14 ao 21 de maio en horario de 12:00 a 13:30 e de 18:00 a 20:00 horas.