AS EMPRESAS QUE OPERAN NOS PEIRAOS DA AUTORIDADE PORTUARIA MOVERON 5,2 MILLÓNS DE TONELADAS NO PRIMEIROS NOVE MESES DE 2024
Os datos interanuais apuntan a un peche do exercicio en termos similares ao 2023, tras unha melloría da evolución no terceiro trimestre do ano
Os graneis sólidos continúan en positivo, mentres que os líquidos e a mercadoría xeral atenuan o descenso rexistrado no primeiro semestre
O número de cruceiristas duplicouse en comparación co 2023
Ferrol, 17 de outubro de 2024
A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao pechou os nove primeiros meses do ano cun movemento de tráficos de 5.190.572 toneladas. Unha cifra que, aínda que menor que a rexistrada no mesmo período do 2023, mostra unha progresiva melloría a medida que avanza o ano. Só entre os meses de xullo e setembro, as empresas que operan nas dársenas de Ferrol e San Cibrao moveron 1.534.586 toneladas, o que indica un descenso do 9,3 % con respecto ao mesmo trimestre do exercicio anterior, fronte ao 23,75 % rexistrado ata xuño. Espérase que o ano peche en termos similares aos de 2023.
Por tipo de mercadorías, os graneis sólidos mostran a cara máis positiva e continúan crecendo. Así, segundo os datos rexistrados ao 30 de setembro, nas dársenas de Ferrol e San Cibrao movéronse nos nove primeiros meses do 2024 un total de 2.871.270 toneladas de graneis sólidos fronte ás 2.865.053 do mesmo período do exercicio anterior. Pola súa banda, os líquidos e a mercadoría xeral seguen por baixo dos rexistros do mesmo período do ano pasado, aínda que atenuan ese descenso revelando así unha progresiva melloría. A falta de datos consolidados, os graneis líquidos, tras alcanzar cifras récord no 2023, quedaron nas 1.808.652 toneladas nos nove primeiros meses. Pola súa banda, nos peiraos da Autoridade Portuaria movéronse 500.005 toneladas de mercadoría xeral.
A tendencia repítese na terminal de contedores. O movemento rexistrado na primeira metade do ano apunta a unha lixeira recuperación na terminal de Yilport, aínda que continúa en niveis inferiores aos do exercicio anterior. Entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro contabilizáronse 98.472 toneladas (10.390 se o medimos en TEUs).
En canto ao tráfico de cruceiros, este ano a tendencia está a ser especialmente destacada. No que levamos deste exercicio pasaron por Ferrol un total de 11.992 pasaxeiros fronte aos 5.244 que se chegaron ata setembro do 2023 nos buques que atracaron no porto interior.O presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, Francisco Barea, destaca que os movementos rexistrados nos nove primeiros meses do ano están dentro das previsións que manexa a Autoridade Portuaria. “Estamos nun momento de transición do porto que nos levará a que, tanto este ano como probablemente o 2025, movámonos nunhas cifras discretas. Estamos nun momento de cambio para superar a perda e redución de tráficos que tradicionalmente supoñían un volume importante para os nosos portos e eses cambios necesitan un tempo para consolidarse”. Por este motivo, insiste Barea, “desde a Autoridade Portuaria traballamos para captar novos tráficos e, sobre todo, para consolidar novas liñas de negocio que xeren valor engadido, que cren emprego e que dinamicen a economía na nosa área de influencia. Iso é o que realmente mide o potencial dun porto e nesa dirección movémonos”.