“Ancorado ao ocaso”, de Xurxo Méndez Outeiral, gaña a quinta edición do concurso de fotografía “Porto e Cidade”
O segundo e o terceiro galardón do certame convocado pola Autoridade Portuaria recaeron en “Golferroliños” e “Toda mirada ten unha historia, a nosa empeza aquí”, respectivamente
Os premios entregaranse o 24 de abril na Sala Curuxeiras que acollerá unha exposición con todas as imaxes presentadas
Ferrol, 15 de abril de 2025
A quinta edición do Concurso de Fotografía “Porto e Cidade”, organizado pola Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, xa ten imaxes gañadoras. “Ancorado ao ocaso”, realizada polo mozo de 13 anos Xurxo Méndez Outeiral, foi a elixida como a gañadora deste ano. O xurado seleccionouna como a máis destacada de todas as que se presentaron a esta edición do certame, ao redor de corenta. O segundo premio recaeu en “Golferroliños”, de Sara Pulzoni Fresco, de 14 anos, mentres que o terceiro galardón é para “Toda mirada ten unha historia, a nosa empeza aquí”, de Paula López Mella, de 18 anos de idade.
As tres persoas gañadoras do certame recibirán os seus premios nun acto que se celebrará o 24 de abril, ás 17:00 horas, na Sala Curuxeiras. O acto estará aberto a todos os participantes que recibirán tamén un pequeno obsequio por parte da Autoridade Portuaria.
Coincidindo coa entrega de premios inaugurarase tamén unha exposición na que se poderán contemplar as fotografías presentadas ao concurso, ao redor de 40, e que transmiten a visión que os máis novos teñen das instalacións portuarias e da súa actividade. Tras a entrega de premios, o 24 de abril, a mostra quedará aberta ao público ata o 3 de maio en horario de 12:00 a 13:30 horas e de 18:00 a 20:00 horas.
As imaxes, todas elas orixinais, foron realizadas por persoas de entre 12 e 18 anos que puxeron o foco nas temáticas relacionadas co mar, as instalacións e as actividades que levan a cabo no peirao de Curuxeiras.