“ALZANDO O VOO”, DE OLIVIA ALLEGUE, GAÑA A CUARTA EDICIÓN DO CONCURSO DE FOTOGRAFÍA “PORTO E CIDADE”
O segundo e o terceiro galardón do certame convocado pola Autoridade Portuaria recaeron en “A lúa vixiando Curuxeiras” e “Pesca pescador” respectivamente
Os premios entregaranse o 19 de abril nun acto na Sala Curuxeiras que acollerá unha exposición coas preto de cincuenta imaxes presentadas
Ferrol, 10 de abril de 2024
A cuarta edición do Concurso de Fotografía “Porto e Cidade”, organizado pola Autoridade portuaria, xa ten imaxes gañadoras. “Alzando o voo”, realizada pola moza de 12 anos Olivia Allegue Ayala, foi a elixida como a gañadora deste ano. O xurado seleccionouna como a máis destacada das preto de 50 que se presentaron a esta cuarta edición do certame. O segundo premio recaeu en “A lúa vixiando Curuxeiras”, de Marta Hernáez Romalde, de 15 anos, mentres que o terceiro galardón é para “Pesca pescador”, da moza Laura González Couce de 12 anos de idade.
As tres gañadoras do certame recibirán os seus premios nun acto que se celebrará o 19 de abril, ás 17:00 horas, na Sala Curuxeiras. Ademais das tres galardoadas o acto estará aberto a todos os participantes que recibirán tamén un pequeno obsequio por parte da Autoridade Portuaria.
Coincidindo coa entrega de premios inaugurarase tamén unha exposición na que se poderán contemplar as preto de 50 fotografías presentadas ao concurso e que transmiten a visión que os máis novos teñen das instalacións portuarias e da súa actividade. A mostra estará aberta ao público o 19 de abril en horario de 17:00 a 20:00 horas e do 20 ao 28 de abril de 12:00 a 13:30 horas e de 18:00 a 20:00 horas.
As imaxes, todas elas orixinais, foron realizadas por persoas de entre 12 e 18 anos que puxeron o foco nas temáticas relacionadas co mar, as instalacións e as actividades que levan a cabo no peirao de Curuxeiras.