A delegación realizou un percorrido polo viaduto sobre a Malata ata a entrada do túnel da Graña comprobando o sistema usado para a instalación da vía

Ferrol, 15 de outubro de 2026

A conexión ferroviaria do porto de Ferrol suscitou o interese da empresa nacional ferroviaria da India. Altos cargos de Western Railway India realizaron unha visita técnica ás obras para coñecer in situ o sistema utilizado na execución da superestrutura de vía.

O percorrido comezou na entrada do porto interior e transcorreu polo viaduto sobre a enseada da Malata ata a boca do túnel da Graña. No transcurso da visita, técnicos da empresa Pandrol, propietaria do sistema QTrack aplicado na obra, explicaron as características do mesmo e as vantaxes que supón tanto a nivel construtivo como no mantemento da infraestrutura. Trátase dun sistema vía embebida sen balasto que proporciona ao carril un soporte completo sen necesidade de travesas convencionais e que permite o control das vibracións alongando a vida útil da vía. Pandrol, unha compañía internacional de referencia na enxeñería ferroviaria, elixiu a obra que se está realizando no porto de Ferrol como un dos proxectos máis salientables nos que se está aplicando esta técnica.

As obras da conexión que unirá o porto interior e o exterior están na recta final e prevese que finalicen a principios do próximo ano. Actualmente está xa practicamente concluída a colocación da superestrutura de vía no viaduto sobre a Malata e avánzase no túnel cos traballos das instalacións non ferroviarias. Tamén están a piques de finalizar a obra de renovación da vía que discorre encostada ás naves pola rúa principal da rede interior do porto e están xa terminadas a vía de espera e a renovación das vías do ramal de acceso ao porto no ámbito de titularidade da Autoridade Portuaria.