A VERSATILIDADE DO PORTO DE FERROL POSIBILITA DÚAS OPERACIÓNS ÚNICAS
Ao «Kortrijk», que saía dunha reparación en Navantia, Repsol subministroulle 110 toneladas de propano para crear unha atmosfera de gas nos seus tanques de carga.
O «Harald Martin» realizou un reabastecemento de GNL na súa longa viaxe desde o estaleiro turco no que se construíu ata Noruega, onde entrará en funcionamento.
Ferrol, 11 de novembro de 2021
A versatilidade do Porto de Ferrol permitiu que nos últimos días se realizaran dúas operacións singulares. Por unha banda, o Kortrijk, embarcación dedicada ao transporte de gases licuados de petróleo (GLP), Repsol Butano, S.A. subministroulle 110 toneladas de propano para crear unha atmosfera de gas nos seus tanques de carga (gaseando) despois de ser reparado en Navantia -permaneceu nun dos diques de Fene do 19 de outubro ao 1 de novembro-.
É a primeira vez que se realiza unha operación destas características con este combustible no peirao da localidade. Foron necesarios dous días de traballo e seis camións cisterna para rematala e poñer en funcionamento plenamente o buque de bandeira belga, construído en 2016, cunha capacidade de transporte de 38.500 m3 de gas licuado.
Posteriormente, durante a fin de semana, realizouse unha subministración de GNL como combustible. O barco tratado neste caso foi o Harald Martin, xemelgo do Bjorg Pauline. Do mesmo xeito que este último, de camiño desde o estaleiro de Tersan (Turquía), onde se construíu, ata Noruega, onde operará, decidiu parar en Ferrol para repostar con GNL, aproveitando a proximidade de Reganosa.
O Harald Martin é un dos buques de transporte de peixe vivo máis grandes e avanzados do mundo. Dispón, como a primeira unidade da serie, o Bjorg Pauline, dun motor híbrido que lle permite alimentar os seus motores con GNL. Ten 84 metros de eslora, 19 de manga e unha capacidade de 4.300 m3. En Ferrol abastecéronselle 38,6 toneladas de GNL, a través de dous camións cisterna, que operaban no pantalán exterior.