A TERMINAL DE CONTEDORES DE FERROL REFÓRZASE COA INSTALACIÓN DUNHA NOVA EMPRESA DE LOXÍSTICA
O consello de administración da Autoridade Portuaria outorgou a Atium Logistic Group a concesión sobre a nave de graneis do porto exterior por un período de 12 anos
A compañía centrará a súa actividade no movemento de mercadorías para importación e exportación a través da terminal de Yilport
O órgano de dirección da APFSC tamén adxudicou á UTE COMSA-OGMIOS Proxectos a obra para finalizar o edificio de usos múltiples da dársena exterior
Ferrol, 20 de decembro de 2022
Unha nova empresa instalarase nos próximos meses no porto exterior de Ferrol. O consello de administración da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao aprobou esta mañá outorgar a Atium Logistic Group S.L. a concesión da nave de graneis situada na dársena de Prioriño. Trátase dunha construción de 9.671 metros cadrados na que a firma realizará unha actividade de movemento de mercadorías para importación e exportación a través da terminal de contedores de Yilport.
A concesión terá unha vixencia de 12 anos a contar desde o 1 de abril do 2023, data a partir da cal a empresa, con domicilio social en Bergondo, poderá acometer as obras necesarias para adaptar as instalacións. O consello de administración da APFSC atendeu tamén a solicitude da compañía de incluír a posibilidade de ampliar o obxecto da actividade para realizar tamén loxística de mercadoría xeral non contenerizada, por entender que favorecerá a explotación portuaria.
A incorporación desta nova empresa afianza aínda máis a terminal de contedores que continúa a súa escalada ascendente desde a chegada de Yilport. A 30 de novembro deste ano movéronse 34.067 TEU, fronte aos 16.842 rexistrados o todo o 2021. En toneladas son un total de 381.213 toneladas de mercadorías contenerizadas fronte ás 161.334 do ano pasado.
Outros asuntos
Noutra orde de cousas, o órgano de dirección da APFSC tamén aprobou a adxudicación das obras para o remate do edificio de usos múltiples do porto exterior á UTE COMSA-OGMIOS Proxectos. O orzamento é de 2,1 millóns de euros, IVE non incluído, e ten un prazo de execución de 6 meses. A actuación permitirá finalizar e poñer en servizo o inmoble que contará con zonas de traballo, oficinas, salas de formación e salón de actos.