A sala de exposicións do Porto de Ferrol acolle a mostra “A viaxe á Especiería de Magallanes e Elcano”
Dende mañá ata o 22 de xullo poderase visitar no peirao de Curuxeiras
Ferrol, 1 de xullo de 2020
A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao acolle dende mañá ata o 22 de xullo, na sala de exposicións do peirao de Curuxeiras, a mostra “A viaxe á Especiería de Magallanes e Elcano”, organizada polo Ministerio de Defensa para conmemorar o quinto centenario da primeira volta ao mundo.
O obxectivo desta exposición é contribuír á celebración do aniversario desta expedición que tiña como finalidade buscar un estreito na costa sur do continente americano para chegas ás illas da Especiería, as actuais illas Molucas.
Esta mostra é unha representación gráfica da viaxe de Fernando de Magallanes e Juan Sebastián Elcano e está composta por nove grupos de paneis ordenados cronoloxicamente que ensinan as principais etapas desta aventura.
A exposición pódese visitar gratuitamente dende mañá ata o 22 de xullo, de martes a domingo, en horario de 17:30 a 20:30 horas. Mañá ás 12:00 horas terá lugar a apertura da mostra nun acto no que participarán o coronel Antonio Bernal Martín, delegado de Defensa en Galicia, e José Manuel Vilariño Anca, presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao.