Os cadros de Francisco Pérez Alonso poderanse visitar dende mañá ata o 23 de agosto

Ferrol, 6 de agosto de 2020

A sala de exposicións da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao acollerá, a partir de mañá, a mostra Ferrol Cinético-Temático do pintor Francisco Pérez Alonso. Un conxunto de obras que representan os lugares máis emblemáticos da cidade ferrolá, como o castelo de San Felipe ou a Porta de Bazán.

Todas as pezas desta exposición están realizadas baixo a técnica da pintura cinética-temática. Esta corrente artística está baseada na estética do movemento e consiste en crear obras que pareza que o teñan. Este efecto visual conséguese con debuxos lineais de medidas moi precisas. A esta técnica de arte cinético o pintor Pérez Alonso engádelle un tema, impulsando así unha nova corrente pictórica.

Ferrol Cinético-Temático está dividida en dúas salas. Na principal os visitantes poderán desfrutar das representacións de vinte monumentos de Ferrol e, na segunda, exporanse outros exemplos de cadros con movemento.

A apertura desta mostra terá lugar mañá ás doce do mediodía na Sala de Exposición do Porto de Ferrol, sita no peirao de Curuxeiras. Poderase visitar ata o 23 de agosto, en horario de 12:30 a 14:00 e de 19:00 a 21:00 horas.

 

Ferrol Cinético-Temático